PUBLICIDADE

O Concello do Pino pon en marcha a segunda edición da Carreira San Silvestre

PorBisbarra

Mércores, 3 Decembro 2025 , , ,
O Concello do Pino vén de anunciar a apertura das inscricións para a II San Silvestre do municipio que se disputará o 27 de decembroO Concello do Pino vén de anunciar a apertura das inscricións para a II San Silvestre do municipio que se disputará o 27 de decembro

O Concello do Pino, a través do seu Departamento de Deportes e coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e do Club Atletismo O Pino, organiza a segunda edición da Carreira San Silvestre do Pino, que se desenvolverá o sábado 27 de decembro de 2025, a partir das 17:00 horas.

A proba, na que poderán participar todas as persoas que o desexen sempre que naceran como mínimo no 2022, repartirá premios entre os atletas mellor clasificados e recoñecerá tamén os mellores disfraces, tanto individuais como grupais.

A carreira do Concello do Pino, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, está aberta á participación de atletas federados e non federados aos que se lles tramitará licenza de día e estará controlada polo Comité Galego de Xuíces. A saída e a meta estarán situadas na Praza Forcarei.

PUBLICIDADE

A edición de 2025 estruturará as carreiras en varias categorías segundo a idade, con distancias adaptadas para garantir a participación segura de toda a cativada. Os horarios, as categorías e as distancias quedan establecidos do seguinte xeito:

– 17:00 horas, Categoría Escolares 1 (nados 2020–2022): 165 metros
– 17:20 horas, Categoría Escolares 2 (nados 2018–2019): 340 metros
– 17:40 horas, Categoría Escolares 3 (nados 2015–2017): 1 km aprox.
– 18:05 horas, Proba Absoluta (nados en 2014 e anteriores): 4 km aprox.

As inscricións na proba do Concello do Pino deberán formalizarse a través das páxinas www.carreirasgalegas.com e www.atletismo.gal ata o xoves 25 de decembro ás 23:59 horas. As categorías escolares serán gratuítas, mentres que a categoría adulta terá un custe de 5 euros. A organización lembra que non se admitirán inscricións fóra de prazo nin o mesmo día da proba. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co teléfono municipal 981 511 002 (ext. 6 – Deportes).

Entregaranse trofeos ás tres primeiras persoas clasificadas na categoría absoluta, así como medallas para todos os participantes das carreiras escolares. Haberá tamén galardóns aos mellores disfraces tanto individuais como grupais. Para poder optar a estes premios, as persoas disfrazadas terán que estar na liña de saída 10 minutos antes do comezo da súa proba.

A entrega de premios está prevista para as 18:45 horas na Praza de Forcarei. Todos os atletas participantes nas distintas carreiras poderán desfrutar dun chocolate quentiño ao remate da proba. As bases da carreira poden consultarse na páxina web do Concello do Pino.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.