Durante o Día da Bicicleta, cita consolidada como un dos eventos familiares con máis acollida en Padrón, tamén se homenaxeou a José Ramón Vigo de 83 anos como o ciclista máis veterano, tras unha marcha multitudinaria
O Día da Bicicleta do Concello de Padrón volveu ser un éxito de participación tras reunir, o pasado sábado a 181 ciclistas de todas as idades, nunha xornada marcada polo bo tempo, o espírito deportivo e o excelente ambiente familiar, dunha iniciativa a prol da mobilidade sostible e do fomento da práctica de actividade física e deportiva.
O paseo do Espolón converteuse no punto neurálxico deste Día da Bicicleta que comezou ás dez da mañá cunha cunha visita guiada ás instalacións do Club Ciclista Padronés Cortizo, referente do ciclismo en Galicia. A continuación, os máis pequenos foron os protagonistas cunha xincana infantil, que lles permitiu iniciarse no manexo da bicicleta dun xeito seguro e divertido antes da saída oficial.
Ás 11:30 horas, deu comezo a marcha ciclista de 15 quilómetros, non competitiva e dirixida a maiores de 6 anos, cun percorrido pensado para gozar do deporte e da contorna ao seu paso por Padrón, Estramundi, Iria, Paseo da Constitución (punto de avituallamento) e as brañas de Lestrove.
Esta nova edición do Día da Bicicleta de Padrón contou tamén coa participación do alcalde Anxo Arca, do concelleiro de Deportes, Luis Mariño, e das concelleiras Chus Campos e Laura Horta. Cómpre destacar que tanto Chus Campos como Luis Mariño completaron a marcha xunto ao grupo en bicicleta.
Un dos momentos máis emotivos chegou coa homenaxe e entrega dun agasallo ao participante máis veterano deste ano: José Ramón Vigo Ferradás, de 83 anos. Tamén participou, como é habitual, Mario Alfonsín, de 82 anos, que fixo o percorrido acompañado do seu fillo e os seus netos, deixando unha imaxe para o recordo.
O Concello de Padrón agradece especialmente o traballo da agrupación de Protección Civil, así como de todo o persoal voluntario, colaboradores e patrocinadores que fixeron posible unha cita segura e ben organizada.
Esta actividade continua a afianzar o compromiso do goberno de Padrón cunha mobilidade máis sostible e unha vida activa.
