O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, acusou ao tripartito de BNG, Compostela Aberta e Partido Socialista de provocar unha década de paralización na xestión do transporte urbano, “dez anos de desculpas, dez anos de incompetencia, mentres os santiagueses sufrimos os peores autobuses de España”.
Durante o Pleno municipal, Verea sinalou directamente ao concelleiro Xan Duro, lembrando que foi responsable do contrato entre 2015 e 2019 e que, dende o seu regreso ao goberno, leva dous anos sen avances, “no peor dos casos, 10 anos; no mellor dos casos, 6 anos sendo o responsable político directo dos autobuses desta cidade”.
O popular reprochoulle a Duro que dixese que “empezamos de 0” despois de tanto tempo, “gran parte do soldo que lle pagaron os santiagueses durante estes 6 anos era para que trouxese a esta cidade autobuses novos, e non o fixo. O único que fixo onte foi un borrón e conta nova“.
“Dígollo con total sinceridade e co aprecio persoal que lle teño, loxicamente non político: vostede onte tiña que terlle pedido desculpas aos santiagueses, asumir a culpa por estes 6 anos de retraso e marchar para a casa. Recoñecer que o cargo lle quedou grande, que non ten a pericia, o coñecemento ou as ganas, o que sexa, pero que se equivocou durante estes 6 anos e ten que marcharse”, sinalou Verea.
Engadiu ademais que “a dignidade política só tiña onte como único camiño a porta de saída, unha dimisión honrosa que non o fixo, e eu síntoo por vostede”.
MUÍÑOS ALERTA DO “RISCO ECONÓMICO PARA O CONCELLO”
Logo do anuncio no que o goberno local confirmaba que o a xestión do transporte urbano mudará de modelo, pasando dunha concesión privada a un contrato de servizos, o concelleiro non adscrito, Gonzalo Muíños, saíu ao paso poñendo o foco no “risco económico e financeiro que supón este cambio de modelo para as arcas municipais”.

Logo dunha reunión coas outras catro concelleiras non adscritas, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez; Muíños asegurou que “os catro, aínda que non se pechan a este a este cambio de modelo, esixirán ter acceso a toda a documentación que sustenta este cambio”.
Pedirán “acceso ao informe de viabilidade económica f inanceira para coñecer as posibles afectacións que este cambio tería na sustentabilidade económica do Concello”.
NOVO SISTEMA DE BUS URBANO EN SANTIAGO
O Concello de Santiago contará cun novo modelo de xestión para o bus urbano na capital.Este novo contrato supoñerá un cambio xurídico que poñerá fin á concesión actual e permitirá que o Concello asuma máis capacidade de decisión sobre as liñas, frecuencias e condicións deste servizo.