O Centro de Adestramento Deportivo para os clubs locais, que está a proxectar o Concello de Cedeira, situarase nunha parcela xunto ao polideportivo e á piscina municipais
O Centro de Adestramento Deportivo Especializado (CADE) está cada vez máis preto de facerse realidade. O Concello de Cedeira xa está a proxectar a súa construción que se vai situar nunha parcela xunto ao polideportivo e á piscina municipais.
O obxectivo da construción do Centro de Adestramento é o de ofrecer espazos con maquinaria específica para a preparación nas diferentes disciplinas deportivas. Ademais, de configurar un núcleo de desenvolvemento deportivo para os clubes locais e, máis aló, para o norte de Galicia.
O proxecto para a construción do CADE conta cun orzamento que ascende a uns 690.000€, e o Concello de Cedeira vén de presentalo á convocatoria do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local da Xunta no que se prevén axudas do 50% para infraestruturas locais.
O alcalde do Concello de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, confía en que a proposta teña unha valoración positiva dada a repercusión que vai ter para os propios clubes locais e tamén como referencia e recurso para deportistas da zona noroeste de Galicia.
Moreda lembrou os grandes éxitos que nos últimos anos están a ter os deportistas do municipio, en particular os do Club de Remo e o Club Natación Cedeira, en competicións autonómicas, nacionais e internacionais, fronte a entidades e deportistas de cidades e con máis medios, e subliña que o Centro de Adestramento Deportivo vai dirixido a ofrecer unhas condicións adecuadas ao rendemento que xa están a amosar e facilitar que prosiga dito desenvolvemento.
A memoria valorada do proxecto contempla un inmoble de planta baixa, primeiro piso e baixo cuberta. A pé de rúa estarán o vestíbulo e a zona de recepción, unha primeira zona de adestramento e os aseos e vestiarios adaptados, mentres que a primeira planta albergará outra zona de adestramento, vestiarios, unha sauna e sala de musculación. O baixo cuberta empregarase como almacén. O CADE terá preto de 182 metros cadrados de superficie útil na planta baixa; 196 na primeira planta e 117 no baixo cuberta, e contará con máquinas para o traballo específico que precisan diferentes disciplinas deportivas.
O rexedor explicou tamén que o goberno municipal está a tramitar ademais diante de Portos de Galicia a autorización para poder facer na zona portuaria unha nave de 300 metros cadrados. A construción ofrecerá un espazo diágfano no que o Club de Remo poderá gardar as súas embarcacións, coa previsión de que conte no exterior cunha zona cuberta.

Centro de Adestramento Deportivo e alamacén de embarcacións de remo
O Centro de Adestramento Deportivo e o futuro almacén de embarcacións de remo, así como a ampliación da piscina municipal que tamén está en proceso (uns 550.000€ de investimento, que se fará a través dun convenio coa Deputación da Coruña), son actuacións que se van sumar ás xa realizadas polo Concello para mellorar as instalacións deportivas.
Entre os investimentos realizados nos últimos anos están o novo pavimento e marcador do Polideportivo (151.000€, a través dun convenio coa Deputación); o céspede artificial do Beco (237.000€); as novas caldeiras para a piscina (85.000€) e o sistema de deshumectación (38.300€); a ampliación do ximnasio (máis de 62.000€) e adquisición de novas máquinas (20.000€); o cerramento e outras obras nas pistas de pádel (máis de 110.000€) e a mellora das canastras e da pista de baloncesto de Floreal (20.000€).