Xesús Ferreiro e Xavier Anido, do Melide MotorSport, recibiron tamén as felicitacións da Xunta polo título Europeo de Ralis Históricos
O equipo Melide MotorSport, con Xesús Ferreiro e Xavier Anido ao fronte, que recentemente veñen de gañar o Campionato de Europa FIA de Ralis Históricos na Categoría 3, segue sumando éxitos. A pasada fin de semana os melidenses lograban o seu sexto triunfo na localidade asturiana de Cornellana, no XVII Solo Escort. Unha proba que só admite modelos Ford Escort nas súas versións MKI e MKII.
Un novo trofeo para as vitrinas do Melide MotorSport que, en algo menos dun mes, afrontará a primeira proba do Campionato de Europa FIA sobre terra de Ralis Históricos. Ferreiro e Anido iniciarán na localidade lusa de Fafe, os días 10 e 11 de abril, un certame co obxectivo de repetir o título continental do ano pasado, un reto para o que contarán como compañeiro de equipo co veterano piloto Jesús Díez.

O Melide MotorSport recibe as felicitacións da Xunta
O Melide MotorSport, de Xesús Ferreiro e Xavier Anido, foi recibido onte polo conselleiro de Presidencia Xustiza e Deportes, Diego Calvo, pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e polo secretario xeral para o Deporte, Roberto García, que parabenizaron aos melidenses pola recente consecución do Campionato de Europa FIA de Ralis Históricos na Categoría 3, mais tamén polo seu sexto triunfo no XVII Solo Escort. Calvo desexoulles moita sorte para o comezo do novo reto continental sobre terra e que arrinca o vindeiro mes de abril en Portugal.




