O Concello do Pereiro de Aguiar vén de anunciar, a través do seu alcalde Luis Menor, a sinatura do covenio de colaboración da institución local co Club Deportivo Pereiro e co Atlético Pereiro para fortalecer a estrutura do deporte feminino local. O principal obxectivo deste acordo é o de ofrecer unha saída deportiva ás nenas do municipio e garantir a conyinuidade da súa traxectoria sen sair do concello.
Esta alianza estratéxica ten como obxectivo central a ampliación da oferta deportiva municipal mediante a creación dun novo equipo base de fútbol sala feminino. Coa posta en marcha deste proxecto, búscase dar unha resposta efectiva ás nenas que forman parte das escolas deportivas e que precisan dunha estrutura sólida para dar continuidade á súa proxección competitiva e persoal.
Un proxecto de futuro para as deportistas do Pereiro de Aguiar
Segundo explicou o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, a iniciativa xorde da necesidade de “dar saída e oportunidade ás nenas que van medrando na súa traxectoria deportiva”. Ata o de agora, moitas destas xogadoras víanse obrigadas a buscar alternativas fóra do municipio ao chegar a certas idades; co novo equipo, o Concello garante que poidan seguir vinculadas ao fútbol sala defendendo as cores do Pereiro.
Queremos fortalecer a estrutura do fútbol feminino no noso concello. Este convenio non só enriquece a oferta deportiva, senón que culmina un traballo de base facilitando que calquera nena que queira practicar este deporte teña o apoio e o espazo necesario para facelo” (Luis Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar)
O acordo entre o Club Deportivo Pereiro (centrado na formación e escolas) e o Atlético Pereiro (cunha estrutura de equipo de fútbol feminino xa consolidada) permitirá optimizar recursos e crear un itinerario deportivo coherente. A nova sección de fútbol sala feminino comezará a traballar de cara á vindeira tempada, consolidando a Pereiro de Aguiar como un referente provincial na promoción do deporte feminino e o benestar social a través da actividade física.




