PUBLICIDADE

O Torneo de Xadrez da Baña será valedoiro para o IX Circuíto Intercomarcal da Deputación

PorBisbarra

Mércores, 14 Maio 2025
Xogadores durante a disputa da terceira edición do Trofeo de Xadrez Concello da Baña o ano pasadoXogadores durante a disputa da terceira edición do Trofeo de Xadrez Concello da Baña o ano pasado

O IV Torneo de Xadrez Concello da Baña terá lugar o sábado 7 de xuño no polideportivo municipal de San Vicente, repartirá 700 euros en premios e as inscricións permanecerán abertas ata o venres anterior á competición

O Concello da Baña vén de presentar a cuarta edición do seu Torneo de Xadrez que se disputará o vindeiro 7 de xuño no polideportivo municipal. Unha cita que nesta ocasión será valedoira para o IX Circuíto Intercomarca Deputación da Coruña. A cita co xadrez comezará ás 15:45 horas coa presentación dos participantes, e a primeira rolda disputarase ás 16:00 horas, mentres que a clausura está prevista para ás nove da noite.

O IV Torneo de Xadrez Concello da Baña disputarase baixo o sistema suízo a sete ou oito roldas (en función do número de xogadores) cun ritmo de xogo de 10 minutos máis 3 segundos por xogada, e será válido para ELO FIDE de xadrez rápido. A inscrición está aberta a persoas federadas, aínda que a organización poderá tramitar licenzas para quen o precise.

Inscricións e premios do Torneo de Xadrez

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ata o venres 6 de xuño a través do correo electrónico torneos@galichess.com ou no teléfono 617 234 393. O custe da inscrición é de 10 euros (xeral), 7 euros (Sub-16) e 5 euros para as persoas empadroadas na Baña. Os pagamentos deben facerse de forma anticipada por transferencia (Caixabank ES15 2100 5097 2002 0012 6301) ou Bizum (617 234 393) indicando nome e apelidos e o epígrafe “Inscrición torneo”. Os pagamentos efectuados o propio día do torneo levarán un recargo de 2€.

PUBLICIDADE

A organización repartirá 700 euros en premios, incluíndo trofeos nas diferentes categorías (xeral, locais, por tramos de ELO, idades e veteráns). Ademais, sortearase un cheque regalo de Gadis e unha cesta de Frutas Fondo entre as persoas participantes non premiadas.

O Concello da Baña reafirma con esta nova edición do torneo o seu compromiso co deporte estratéxico, educativo e integrador como é o xadrez, ofrecendo á veciñanza e visitantes un evento de referencia dentro do calendario deportivo da comarca.

As persoas que se acheguen ao municipio o día do torneo poderán tamén gozar da oferta hostaleira local, con opcións de xantar en distintos establecementos da zona, como O Arranca, Parrillada Begomar, Casa Salvador ou a Parrillada O Val de Barcala.

Para máis información e acceso ás bases completas pode consultarse na web do Concello da Baña ou na web oficial do evento www.galichess.com

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.