PUBLICIDADE

Fernando Franjo presenta ‘Aquí viviu. Por aquí pasou’, un roteiro polos monumentos e figuras senlleiras en Compostela

Fernando Franjo, segundo pola dereita, durante a presentación, no compostelán Museo do Pobo Galego, do seu libro 'Aquí viviu. Por aquí pasou'Fernando Franjo, segundo pola dereita, durante a presentación, no compostelán Museo do Pobo Galego, do seu libro 'Aquí viviu. Por aquí pasou'

Fernando Franjo, xornalista e promotor cultural, presentou onte en Santiago Aquí viviu. Por aquí pasou, un libro coeditado polo Consorcio e a editorial Guiverny no que pon o foco nos lugares de Compostela vencellados a figuras senlleiras

O xornalista e promotor cultural, Fernando Franjo (Monforte, 1963), vén de presentar o libro Aquí viviu. Por aquí pasou, un traballo coeditado polo Consorcio de Santiago e pola editorial Guiverny, no que o autor fai un percorrido, un roteiro, por máis dun cento de placas e monumentos esparexidos por Compostela e vencellados a figuras senlleiras do país.

O compostelán Museo do Pobo Galego acolleu onte a presentación Aquí viviu. Por aquí pasou, un traballo no que Fernando Franjo recolle máis de medio cento de referencias a persoeiros ilustres en forma de placas e monumentos na cidade de Santiago, ao tempo que ofrece datos biográficos sobre eles e propón ao lector un roteiro urbano sobre este patrimonio monumental, que a miúdo pasa desapercibido.

Para completar o relato, o autor emprega tamén en Aquí viviu. Por aquí pasou unha serie de mapas ilustrativos, nos que se indica a localización das diferentes estatuas, esculturas, inmobles e placas que se atopan nas diversas zonas da capital de Galicia, dende a Alameda ou a Cidade Histórica ata Conxo ou Galeras.

PUBLICIDADE

Fernando Franjo recolle unha ampla escolma de personaxes históricos que foron destacados representantes da cultura, da sociedade, da política, da arte e da ciencia. Así, o libro é unha escolla da relación destes persoeiros con distintos espazos da cidade, dende figuras vencelladas a Compostela, como poden ser Rosalía de Castro ou Eugenio Montero Ríos, ata visitantes como Ernest Hemingway ou Eva Perón.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou durante a presentación de Aquí viviu. Por aquí pasou, a orixinalidade da obra, así como no seu valor como un traballo que “recoñece Compostela como cidade aberta, acolledora, atractiva para vivir e visitar, engaiolante para moitas das persoas que, como o propio Lorca, nos agasallaron pezas da súa obra e agradecida con quen merece recoñecemento como son os nomes recollidos neste libro”.

Fernando Franjo, licenciado en Xeografía e Historia, xornalista e promotor cultural

Fernando Franjo Franjo (Monforte de Lemos, 1963) é xornalista e promotor cultural. Conta cun Máster en Xornalismo Turístico polo Instituto Europeo de Xornalismo e Comunicación e é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. Traballou durante varias décadas na prensa escrita e na radio. Logo desta etapa, especializouse na visibilización dos cafés históricos, sendo autor dos libros 50 Cafés históricos de España e Portugal (2014) e Memorias do Café Derby (2021), ademais de ser o director do encontro internacional Cafés, patrimonio cultural a través do tempo.

Estudoso e apaixonado de Compostela e do seu patrimonio, no seu labor de comunicación e xestión cultural, foi un dos comisarios de mostra Memorias do Café Derby (2021) e de Santiago proxectado, arquitecturas non construídas (2024), organizadas polo Consorcio de Santiago, iniciativas ambas que contribuíron a afondar na historia da cidade.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.