PUBLICIDADE

O Trail Costa Ártabra de Narón bota a andar coa apertura das inscricións

Santalla e García durante a presentación do IV Trail Costa Ártabra que mañá 1 de xullo abre o prazo para formalizar as inscriciónsSantalla e García durante a presentación do IV Trail Costa Ártabra que mañá 1 de xullo abre o prazo para formalizar as inscricións

A cuarta edición do Trail Costa Ártabra, que se disputa o vindeiro 14 de setembro, botará mañá a andar coa apertura do prazo de inscricións que pechará o 9 de setembro ás 23:59 horas

A cuarta edición do Trail Costa Ártabra, organizado polo Concello de Narón e pola Asociación Deportiva Cultural Bombeiros da cidade, botará a andar mañá 1 de xullo coa apertura do prazo de inscricións, segundo informaron hoxe, durante a presentación dunha proba que se disputará o 14 de setembro, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente da entidade deportiva, Luis García.

As inscricións no Trail Costa Ártabra poderán formalizarse ata o vindeiro 9 de setembro ás 23:59 horas a través da páxina web www.rockthesport.com. A proba é carreira UTMB Index, outorgando puntos para a gran final das UTMB World Series 2026 que se disputarán na localidade francesa de Chamoix.

Un ano máis, o Trail Costa Ártabra contará con dúas modalidades de carreira e outras tantas de andaina, con saída e meta en todos os casos das inmediacións da cooperativa do Val. No trail haberá unha modalidade longa, de 27 quilómetros (pistas e sendeiros maioritariamente e con saída ás 9:00 horas), e outra de 14 quilómetros (pistas e asfalto maioritariamente, con saída ás 9:45 horas).

PUBLICIDADE

Como novidade nesta cuarta edición do trail, a maiores das categorías sénior e veteráns, haberá unha absoluta, masculina e feminina. O percorrido ofrecerá a oportunidade de baixar ata a Pena Lopesa e bordear os cantís para regresar pola zona da Pena Molexa.

No que respecta ás andainas, a longa, de 13,5 quilómetros sairá ás 9:15 horas e a curta, de 8 qulómetros, ás 9:30 horas. Na primeira delas os e as camiñantes poderán ver as tres praias de Narón, Lopesa, Hortiña e Casal. Para as andainas haberá un máximo de 90 prazas.

En total ofertaranse 300 prazas para o trail e haberá trofeos para os tres primeiros clasificados en cada categoría, tanto masculina como feminina, en sénior e veteráns. Tamén se agasallará cunha cesta con produtos variados ao corredor e corredora con mellor tempo no trail longo.

As bases ao completo deste evento deportivo poden consultarse na web: www.rockthesport.com.

Ibán Santalla agradeceu á Asociación Deportiva Cultural Bombeiros de Narón o traballo realizado para poder convocar na cidade unha nova edición do trail Costa Ártabra e animou cidadanía a participar no mesmo, desfrutar do deporte e tamén do patrimonio natural e cultural da cidade.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.