O Verán Deportivo do Carballiño, que organiza o Concello e comezou a semana pasada, inclúe nesta nova edición as modalidades de ioga, pilates, aquagim, baloncesto, fútbol e balonmán
O Verán Deportivo do Carballiño volve un ano máis. Unha inciativa, impulsada pola concellería de Deportes, e que busca fomentar hábitos de vida saudables entre a veciñanza. “Estamos encantados de organizar esta actividade e animar a xente a facer deporte e gozar dun momento divertido”, explicou José Castro, tenente alcalde e concelleiro, durante a presentación.
A programación do Verán Deportivo 2025 inclúe pilates, ioga, aquagim, baloncesto, fútbol e balonmán, e está dirixida a poboación de todas as idades, e “como sempre, todas as actividades son de balde”, apuntou José Castro.
Como novidade, tanto as clases de pilates como as de ioga levaranse a cabo no entorno verde do Gran Balneario para “darlle pulo a este espazo, porque pensamos que é un lugar excepcional para facer estes deportes”, asegurou o tenente de alcalde, que anima á participación.
“Animo a todo o mundo a participar, xa que non é preciso ter unha gran mobilidade, só é chegar alí e botarlle ganas, dar un paseo, confraternizar con outras persoas…”, destacou. A Concellería prevé unha boa participación, na liña da pasado edición, en torno a unhas 40 persoas en cada cita. O aquagim, pola súa parte, realizarase na piscina municipal, como é habitual.
As actividades de baloncesto, fútbol e balonmán tamén volven á Pista Vermella. “É un momento de lecer, non é competitivo, o obxectivo é facer deporte ao aire libre”, resume o concelleiro . O ano pasado, estas propostas chegaron a congregar a máis de 500 rapaces no entorno da Pista Vermella, o que da conta da boa resposta da veciñanza. “Estamos encantados coa alta participación, o ambiente que se crea é moi bo”, asegura Castro.
Rebeca Amil, de Korpore Gym, entidade colaboradora no Verán Deportivo, resalta a ampla experiencia e coñecemento dos monitores encargados de guiar as actividades de ioga, pilates e aquagim. “Queremos continuar este verán coa boa resposta da xente, intentando sempre dar o mellor posible para a poboación do Carballiño e dos arredores”, indicou.
As actividades arrancaron esta mesma semana e finalizarán o 14 de setembro. A programación inclúe os luns pilates, ás 20:30 horas no céspede do Gran Balneario, e os martes e xoves ioga no mesmo lugar á mesma hora, e os venres será a quenda ao mediodía na piscina municipal do aquagim.
Ademais, haberá intensivos de diversos deportes, todos na pista vermella:
- Baloncesto: do 7 ao 11 de xullo
- Fútbol: do 14 ao 19 de xullo
- Balonmán: do 21 ao 25 de xullo
Para participar nos intensivos é preciso inscribirse (o prazo estará aberto ata o día anterior ao inicio da actividade). Pódese facer no Concello do Carballiño, tanto presencialmente como por teléfono.




