A Deputación de Ourense inicia a campaña “Ourense sobre rODas!” para achegar aos concellos e centros educativos da provincia os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Esta campaña englóbase no marco do proxecto OU DS Axenda 2030, financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.
O deputado provincial de Desenvolvemento Sostible e Axenda 2030, Jorge Pumar, participou no inicio da campaña de difusión do proxecto, que tivo lugar esta mañá no Carballiño. Alí, a través dun stand, informouse ás persoas visitantes dos detalles do proxecto e os temas vencellados aos ODS en materia de saúde, educación, igualdade ou deporte, entre outras.
Esta campaña permitirá achegar os ODS a 12 municipios e 18 centros escolares. Así, o obxectivo é difundir e sensibilizar á poboación ourensá co desenvolvemento sostible.
No tocante aos centros educativos, realizaranse actividades dirixidas ao alumnado de infantil e primaria, con actividades adaptadas ás súas idades, como os contacontos. En canto aos maiores, promoverase a importancia de coidar o medio ambiente e a natureza, temas asociados ás metas 13, 14 e 15 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030.
PROGRAMACIÓN DA CAMPAÑA
Toda a poboación provincial pódese sumar á xira “ODS sobre rodas”, visitando o stand informativo nas próximas feiras. Serán en Trives, o 17 de setembro; Verín, o 23 de setembro; Celanova, o 26 de setembro; Xinzo de Limia, o 27 de setembro; O Barco de Valdeorras, o 6 de outubro; Allariz, o 12 de outubro; Viana do Bolo, o 14 de outubro; e finalmente Bande, o 15 de outubro.
Así pois, a campaña de difusión e comunicación comeza hoxe despois de que a institución provincial e os municipios ourensáns participantes finalizaran no pasado mes de agosto a fase de diagnóstico. Nesta, mantivéronse reunións con responsables políticos e técnicos para analizar a realidade local e a súa contribución aos ODS 2030.