A Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense anunciaron a colaboración para destinar máis de 14 millóns de euros aos centros de atención a maiores na provincia. Máis en detalle, o Goberno galego achegará 12 millóns de euros, mentres que o ente provincial destinará 2,3 millóns. Este investimento adicarase á construción, reforma e ampliación de centros de maiores. En palabras do presidente autonómico, Alfonso Rueda, “temos unha poboación que demanda este tipo de servizos” e “a achega da Deputación foi decisiva”.
Estas actuacións enmárcanse dentro do Plan de investimentos para equipamentos sociais de titularidade municipal dirixidos a persoas maiores, que permitirá crear 650 prazas públicas en toda Galicia. Destas, máis da metade, en concreto 375, corresponden á provincia ourensá.
No acto de posta en valor do Plan de investimentos para equipamentos sociais na provincia de Ourense estiveron presentes, xunto ao presidente da Xunta, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez; o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor; o delegado territorial, Manuel Pardo; e representantes municipais dos concellos beneficiados por este plan.
Pola súa banda, o presidente provincial cualificou esta convocatoria como “día histórico e moi importante para a provincia de Ourense”. Así pois, recoñeceu a importancia da colaboración institucional para beneficiar á cidadanía. Así mesmo, insistiu, mellorarase a atención ás persoas maiores e crearanse novos postos de traballo.
375 PRAZAS EN 16 CONCELLOS
Este plan forma parte dun acordo de colaboración iniciado hai dous anos coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), co obxectivo de mellorar a atención aos maiores nas áreas máis pequenas e rurais de Galicia. Así, a Xunta puxo a disposición dos concellos un total de 18,5 millóns de euros procedentes de fondos europeos para a ampliación de centros existentes ou a construción de novas infraestruturas.
A provincia de Ourense, grazas á colaboración activa da Deputación no financiamento dos centros, será a máis beneficiada deste plan, sendo seleccionadas 16 propostas de municipios menores de 20.000 habitantes. Máis en concreto, serán beneficiarios os Concellos de Avión, A Bola, Carballeda de Avia, Chandrexa de Queixa, A Gudiña, Laza, Manzaneda, Os Blancos, A Peroxa, Piñor, Ramirás, Trasmiras, Teixeira, Verea, Vilamarín e Xunqueira De Ambía.
O TRIPLO DE PRAZAS DENDE 2009
Dende o ano 2009, a Xunta triplicou a oferta de prazas públicas para maiores, pasando de 5.500 a máis de 15.000 dispoñibles. Este novo plan de investimentos enmárcase dentro do compromiso do Goberno galego de crear 1.000 novas prazas públicas de residencia e de atención diúrna para maiores e persoas con discapacidade nos primeiros 100 días de mandato.
Neste sentido, Rueda resaltou que “estámolo cumprindo” e que é un motivo de alegría que “unha parte importante dese cumprimento sexa en colaboración coa Deputación e os concellos de Ourense”. O traballo conxunto nesta liña ten o obxectivo de garantir que a xente en Galicia “teña unha boa calidade de vida” independentemente do seu lugar de residencia.