O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico ultima unha nova liña de axudas de ata 8 millóns de euros para o sector termal. Máis en concreto, estarán destinadas a modernizar e mellorar as instalacións termais e forma parte dun plan específico máis amplo para potenciar este sector en Galicia.
Durante a súa intervención na XXII edición de Termatalia en Ourense, Rueda lembrou que Galicia é a primeira potencia termal en España e a segunda en Europa. Así mesmo, salientou que se trata dun sector que xera 19.000 empregos directos e indirectos en Galicia e que atraeu o ano pasado a preto de 190.000 turistas.
O presidente fixo fincapé en Expourense en que o termalismo reúne todas as características do modelo turístico polo que aposta a Xunta: un turismo sostible, de calidade e que permite desestacionalizar a chegada de viaxeiros á comunidade. Neste sentido, fixo un chamamento a saber aproveitar as “posibilidades turísticas, medicinais e de promoción que ofrecen as augas termais.
PLAN ESPECÍFICO PARA O SECTOR TERMAL
Está previsto que o Plan específico para o termalismo se poña en marcha antes de que finalice o ano, contando con esa liña de axudas que virían dos fondos Next Generation da Unión Europea. Ademais, contempla a creación dunha Mesa de Termalismo para fomentar a colaboración entre distintas áreas da Xunta neste eido. Así mesmo, prevese a creación dun Observatorio Termal para avanzar na investigación e profesionalización.
Estas medidas súmanse ao Plan Territorial de Sostibilidade Turística de Vilas Termais e Cascos históricos, que promove melloras en áreas termais e que conta cun orzamento de máis de 21 millóns de euros ata 2026.
Rueda aproveitou para destacar as boas cifras que acadou Galicia este ano a nivel turístico en xeral, que tamén quedaron reflectidas no sector termal, e animou “a seguir traballando con este tesouro que temos, que nace do centro da terra e fala de Galicia por todo o mundo”.
COLABORACIÓN PROVINCIAL
O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, tamén participou no acto oficial de inauguración da XXII Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar. Durante a súa intervención, recalcou a colaboración do ente provincial con Termatalia e definiu a Expourense como “o mellor escaparate” para dar visibilidade ás políticas provinciais en favor deste sector estratéxico.
Aproveitando a ocasión, Luís Menor anunciou a nova modalidade denominada Termalismo Azul. Esta iniciativa busca “a conexión cos valores, de diferente natureza, que como provincia caracterízannos e que conforman a nosa identidade; uns valores que fundamentan a posibilidade para a provincia de ser considerada unha Zona Azul, sumándonos ás únicas cinco que a nivel de todo o mundo atesouran este distintivo e que acreditaría a ultralonxevidade saudable dunha importante porcentaxe da nosa poboación”.
Luis Menor tamén explicou a aposta da Deputación polo Termalismo Social, onde destaca o programa provincial, “unha referencia a nivel de toda España polo seu deseño, polo seu compoñente tecnolóxico e polo seu impacto”. Neste senso, destacou que preto de 25.000 persoas beneficiáronse del, “cifra que alcanzaremos este ano, con máis de 80.000 pernoctacións, máis de 200.000 técnicas termais administradas e máis de 7 millóns de euros de impacto directo nos sete balnearios participantes da nosa provincia”.
NOVOS MODELOS DE TERMALISMO
O presidente provincial tamén fixo finacapé no concepto do termalismo como fonte de saúde e benestar, destacando a súa utilización como ferramenta social contra a soidade non desexada. Así mesmo, lembrou que onte mesmo foi publicado no Boletín Oficial da Provincia o primeiro programa de termalismo para persoas con lesión medular.
No tocante á captación de novos perfís de usuarios, Menor quixo resaltar o programa de nómades dixitais termais que xa está en marcha.
I+D TERMAL
Finalmente, Luís Menor recalcou o traballo investido en I+D no sector termal, para solucionar problemas como o crecente custo enerxético. Así pois, a Deputación traballa da man do Campus da auga da Universidade de Vigo para atopar solucións.
Neste senso, varias das vías de estudo é a creación dun hub termal de sostibilidade de recursos termais con enerxías renovables ou un contedor modular con varios tipos de enerxías limpas que sexa transferible, adaptable e personalizable a calquera balneario.
“A Deputación de Ourense vai facer un esforzo económico por apoiar por primeira vez unha iniciativa de I+D termal”, explicou o presidente provincial. Finalmente, avanzoulle ao presidente da Xunta que solicitará a cooperación do executivo autonómico para esta fin.