PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

O pleno da Deputación de Ourense comprométese cos viticultores, gandeiros e o SAF

PorBisbarra

Venres, 27 Setembro 2024 ,
O pleno da Deputación de Ourense aprobou diversas iniciativas na sesión ordinaria do mes de setembro.O pleno da Deputación de Ourense aprobou diversas iniciativas na sesión ordinaria do mes de setembro.

O pleno da Deputación de Ourense, na sesión ordinaria do mes de setembro, aprobou diversas iniciativas dos grupos políticos. En primeiro lugar, para apoiar aos viticultores da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra e aos gandeiros con explotacións afectadas pola enfermidade hemorráxica epizoótica. Así mesmo, acordaron a adopción de medidas para o mantemento e mellora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), defender o emprego nas empresas auxiliares de automoción da provincia e instar ao desenvolvemento do regulamento da Lei Galega de Minaría.

APOIO A VITICULTORES E AGRICULTORES

O pleno aprobou solicitar ao Goberno galego unha liña de axudas para mitigar as perdas ocasionadas este ano nos viñedos da Ribeira Sacra pola uva non recollida. Unha proposta que inclúe que a Deputación de Ourense habilite, de maneira excepcional e moi xustificada, achegas económicas aos viticultores cando as axudas das administracións con competencias non sexan suficientes. Con esta iniciativa a Deputación pretende garantir a supervivencia das explotacións vitícolas, na situación de “excedente de viño” que se está a rexistrar.

Por outra banda, a corporación aprobou instar á Consellería de Medio Rural á inmediata posta en marcha dun completo plan de axudas ás explotacións afectadas pola EHE. Tamén acordaron avaliar a habilitación, de xeito excepcional e xustificado, de achegas económicas provinciais dirixidas aos afectados cando as axudas do Estado e da Xunta non sufraguen suficientemente os prexuízos sobrevidos.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Así mesmo, solicitarase á Xunta un plan de acción preventivo e de detección de cara a 2025, así como unha campaña información e de sensibilización.

APOIO ÁS EMPRESAS AUXILIARES DE AUTOMOCIÓN

Outra das iniciativas aprobadas está centrada na situación do Grupo Indea, antigo Hispamoldes, e en xeral o sector auxiliar da automoción na provincia de Ourense. Así, propuxeron instar ao Grupo Indea a garantir o mantemento dos postos de traballo e a readmitir aos traballadores despedidos. A maiores, solicitarase á Xunta a que reclame ao Goberno Central a transferencia dos fondos dos PERTE industriais ás comunidades autónomas e a que deseñe as convocatorias de axudas para as empresas auxiliares da automoción.

MANTEMENTO E MELLORA DO SAF

Neste mesmo capítulo aprobouse unha proposta referida á mellora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) prestado polos concellos ourensáns. Neste sentido, acordaron demandar da Xunta e á Consellería de Política Social e Igualdade a correcta asunción das súas competencias, incrementado as partidas e actualizando o Fondo de Cooperación Local.

Así mesmo, reclamarase á Xunta dotar de medios e recursos humanos e materiais aos equipos de valoración de dependencia para reducir as listas de agarda e requintar a prestación do servizo. Tamén se solicitará á administración autonómica que exerza de mediador en eventuais negociacións entre concellos, empresas e axentes sociais, para acadar os mellores acordos posibles e garantir as mellores condicións para usuarios e demais partes implicadas no SAF.

PROXECTOS MINEIROS NA PROVINCIA

Por último, o pleno da Deputación acordou unha iniciativa centrada nos novos proxectos mineiros das comarcas da Limia e de Monterrei. Nesta liña, acordaron que se remita e analice a documentación dos proxectos de Novo Arboim, no concello de Oimbra; Novo Frixo nos concellos de Laza, Sarreaus e Cualedro; e o proxecto de Novo Cima, nos concellos de Verín e Vilardevós.

Así mesmo, solicitarán á Consellería de Economía e Industria da Xunta que permita o acceso á Deputación aos informes sectoriais e a toda a documentación que se incorpore aos expedientes.

Finalmente, reclamarán á Xunta a desenvolver a Lei Galega de Minaría. O obxectivo é garantir a seguridade xurídica, transparencia e participación pública na toma de decisións, así como recuperar a xestión pública do Catastro Mineiro de Galiza. Así mesmo, o pleno da Deputación pretende a elaboración do Plano sectorial de actividades extractivas e garantir que os proxectos teñan a avaliación de impacto ambiental.


PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.