A iniciativa “500 sesións a 1 euro” obtivo un éxito sen precedente na XXII Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar (Termatalia). Trátase dunha nova campaña de promoción da saúde a través da cultura termal, posta en marcha pola Deputación de Ourense, en colaboración con cinco balnearios ourensáns.
Así pois, creáronse grandes colas para acceder a este programa, que permite gozar aos usuarios das augas mineromedicinais a un prezo totalmente alcanzable. De feito, poucas horas despois da súa posta en marcha, as entradas ofertadas quedaron esgotadas, constatando así a enorme aceptación que tivo esta acción.
As 500 sesións balnearias distribuiranse ata o 31 de outubro, de luns a domingo, en diferentes franxas horarias e cunha duración entre hora e media e dúas horas, en función do balneario. Máis en concreto, participan os balnearios que contan nas súas instalacións con piscinas de augas termais para usos lúdico-terapéuticos: Laias, Cortegada, Lobios, Partovia e A Arnoia.
Para participar nesta promoción, as persoas interesadas tivéronse que achegar ao expositor da Deputación de Orense en Termatalia, un dos máis concorridos da feira.