Profesionais do centro de saúde de Neda achegáronse aos CEIP da Maciñeira e San Isidro no Concello de Neda para abordar cuestións de prevención e primeiros auxilios co alumnado. Así pois, a enfermeira Amaya Martín Pérez e seis residentes de primeiro ano de Enfermaría Familiar e Comunitaria da Área achegáronse a pasada semana aos centro varias mañás.
Na formación participaron unha trintena de nenos e nenas de 5º e 6º curso do CEIP de A Maciñeira e outra trintena dos mesmos cursos do CEIP San Isidro. Nunha primeira parte, aprenderon os conceptos teóricos mediante unha presentación, e, posteriormente, dividíronse en grupos para aplicar de xeito práctico o aprendido.
Así pois, aprenderon técnicas como a Reanimación Cardiopulmonar (RCP), a manobra de Heimlich, a posición lateral de seguridade ou o manexo do desfibrilador. O obxectivo é formar ao alumnado en materia de primeiros auxilios e RCP para a súa integración na cadea de supervivencia, mediante un taller teórico e práctico. Así mesmo, preténdese concienciar á comunidade escolar sobre a importancia da formación en RCP e Obstrución da Vía Aérea por un Corpo Estraño (OVACE). Como consecuencia, lograríase aumentar a supervivencia e diminuír as secuelas que orixinan as paradas cardiorrespiratorias.
O persoal da Área Sanitaria de Ferrol participante salientou a implicación e atención do alumnado e a colaboración do profesorado. Así mesmo, lembrou outras actividades formativas complementarias como as de educación sexual, alimentación, efectos das drogas, tabaco e alcohol; hixiene postural ou prevención de accidentes.