O Concello de Ferrol resérvase o uso dos campos de fútbol para os centros educativos en horario escolar ou para a celebración de eventos puntuais
O alcalde José Manuel Rey vén de anunciar que a Xunta de Goberno local deu o seu visto bo ao convenio entre o Concello de Ferrol e a Asociación de Fútbol Afeccionado de Ferrol (AFAFE) para articular o emprego dos campos de fútbol do complexo deportivo da Gándara; dos campos de fútbol de Caranza e do campo de fútbol de Aneiros.
O convenio para a xestión do uso dos campos de fútbol, establécese por un período de 4 anos a contar dende o día da súa sinatura, se ben poderá ser obxecto de prórrogas anuais pactadas por ambas partes para un período máximo de tres anos máis. O acordo de prórroga deberá formalizarse antes do fin do mes de xullo.
Supostos de uso dos campos de fútbol
O Concello de Ferrol resérvase o dereito de uso dos campos de fútbol para os seguintes supostos: en horario escolar para os centros educativos da cidade e atender as demandas puntuais (adestramentos, competicións, torneos…) de necesidade de instalacións deportivas doutros clubes tanto de fútbol como de outras modalidades deportivas que precisen as intalacións deportivas obxecto da autorización.