PUBLICIDADE

Rueda salienta en Ourense a importancia de ofrecer estabilidade a través de “orzamentos en tempo e forma”

Rueda e Menor presidiron a Xunta Directiva Provincial do PP de Ourense.Rueda e Menor presidiron a Xunta Directiva Provincial do PP de Ourense.

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, resaltou onte en Ourense a importancia de seguir ofrecendo estabilidade, rigor e xestión á cidadanía a través dos orzamentos que o Goberno galego presentará hoxe e que serán aprobados en tempo e forma por décimo sexto ano consecutivo.

Fíxoo durante a Xunta Directiva Provincial do PP de Ourense, celebrada na tarde de onte, e na que tamén participaron a vicesecretaria nacional de Organización do PP, Carmen Fúnez; a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; e o presidente do partido na provincia, Luís Menor. Así, o líder dos populares galegos comprometeuse a seguir gobernando pensando nos problemas da xente, cumprindo a palabra dada e devolvendo aos ourensáns e ao conxunto dos galegos a confianza que depositaron nel hai oito meses.

Neste sentido, animou aos seus a seguir traballando para revalidar a confianza que os ourensáns outorgan sempre ao Partido Popular de forma maioritaria. Así mesmo, salientou a representación da provincia de Ourense nos lugares onde se toman as decisións a través dos seus 8 deputados autonómicos, 3 deputados nacionais, 3 senadores e un total de 56 alcaldes e alcaldesas.

PUBLICIDADE

Na mesma liña, Rueda animounos a continuar traballando de cara a todas as convocatorias electorais que veñan. Así mesmo, convidounos a explicar, por exemplo, que, mentres o Goberno galego aumenta os fondos para os municipios, o Goberno central aproba novos impostos e taxas que dificultan a xestión de residuos. Ou que, mentres o Goberno autonómico pon 12 euros por cada hora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e ten previsto subir a achega nos próximos anos, o Goberno central limita a súa achega a 2,5 euros.

Fronte a todo isto, subliñou, é necesario poñer en valor tanto a xestión que garanten os gobernos do Partido Popular como o “Estilo Galicia”, que fai da nosa comunidade autónoma “unha excepción na que a estabilidade e o rigor rexen as políticas públicas”.

Alfonso Rueda, Carmen Fúnez, Paula Prado e Luís Menor participaron na Xunta Directiva Provincial do PP de Ourense.
Alfonso Rueda, Carmen Fúnez, Paula Prado e Luís Menor participaron na Xunta Directiva Provincial do PP de Ourense.

UN PARTIDO QUE ESCOITA E CUMPRE COA PALABRA DADA

O presidente provincial subliñou que a nova estrutura do partido, aprobada no Congreso Provincial extraordinario de xullo, permite ao PP de Ourense “seguir demostrando que estamos ao lado da xente, sen partidismos, centrados nas súas preocupacións”, destacando ao mesmo tempo a capacidade para chegar a todo o territorio.

Tomando como punto de partida esta presenza por toda a provincia, Luís Menor anunciou a celebración a finais de mes dunha Interparlamentaria ourensá, cuxo eixo temático será o mundo rural. Así, o 26 de outubro os representantes no Congreso, Senado, Parlamento de Galicia e Deputación, un por cada institución, detallarán o traballo que veñen realizando a favor do rural ourensán, analizando a súa situación e propoñendo iniciativas.

Na súa intervención, Menor sinalou tamén que, tras o congreso de xullo, o partido demostrou a súa eficacia para incrementar a súa capacidade de traballo, “do que dan boa fe as 187 persoas que forman parte desta nova etapa do PP de Ourense e ata os 220 membros desta Xunta Directiva”. Unha nova estrutura orgánica que, sinalou, teñen o encargo de “levar as nosas mensaxes da maneira máis segmentado posible á sociedade ourensá”.

Repasou tamén o presidente provincial a actividade desenvolvida polo PP ourensán desde xullo, “cunha intensa vida política na sede provincial”, coa constitución das 13 vicesecretarías, 9 comités de traballo e 14 coordinacións de área que forman parte da estrutura do PP de Ourense. Ademais, destacou as reunións celebradas todas as semanas para analizar a situación política da provincia e da cidade e a recepción por parte da presidencia a máis de medio centenar de persoas “entre representantes de agrupacións locais, portavoces municipais, afiliados e mesmo novos militantes”.

“Un partido que escoita é un partido que cumpre coa palabra dada”, sentenciou. Finalmente, fixo fincapé en que o PP ourensán segue a dar pasos firmes para facer realidade as 12 propostas que forman parte do documento Compromiso por Ourense, asinado co presidente Rueda, cun cumprimento do 60 % entre medidas e proxectos en marcha o xa realizados.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.