A Xunta de Galicia pon en marcha unha iniciativa pioneira en España: a retirada de diñeiro en efectivo nas estacións de servizo no rural galego. Así pois, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou un convenio de colaboración con Abanca e a Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes). O obxectivo é permitir retirar diñeiro en efectivo nas estacións de servizo dos concellos do rural galego con menos de 20.000 habitantes.
Segundo explicou a conselleira tras a sinatura do acordo, Abanca convértese na primeira entidade financeira en adherirse a esta iniciativa, pioneira no país. Con esta ampliación do catálogo de servizos, a Consellería de Economía e Industria pretende facer fronte ao despoboamento.
En virtude deste convenio, Abanca comprométese a dotar estes establecementos de terminais de puntos de venda (TPV) de última xeración. Estarán habilitados para facer pequenas retiradas de cartos de forma gratuíta a clientes de tarxetas de débito emitidas pola entidade bancaria.
Segundo a estimación, nos 290 concellos galegos con menos de 20.000 habitantes, esta medida alcanzará nesta lexislatura a 200 estacións de servizo. Así pois, trátase da metade das actualmente adheridas á Federación Galega de Estacións de Servizo (Fegaes).
800.000 EUROS EN AXUDAS
Nesta liña, habilitarase unha orde de axudas, cunha dotación de 800.000 euros, para modernizar os servizos das gasolineiras emprazadas en municipios do rural. Con esta achega subvencionarase a adquisición do equipamento necesario para poder ofertar a retirada de efectivo. Asemade, poderá solicitarse para mellorar os sistemas de pagamento, a xestión operativa do local a través de plataformas dixitais ou a instalación de grupos electróxenos e sistemas de seguridade. As axudas máximas poden acadar ata os 30.000 euros por beneficiario.



