Cobre San Rafael, a empresa que lidera o proxecto para a reactivación da mina de Touro-O Pino, continúa coa súa campaña de recrutamento e ofrecerá información directa sobre as súas ofertas de emprego nas feiras locais durante este mes de setembro. Esta iniciativa forma parte do proxecto de apertura do complexo mineiro-industrial nos concellos de O Pino e Touro que xerará 400 postos de traballo directos e que incidirá na situación socioeconómica dos concellos próximos á mina.
Este martes, 17 de setembro, a furgoneta de Cobre San Rafael estará na Feira de Vila de Cruces e, o sábado, na feira que se celebra en Oroso. A próxima semana, os técnicos de especializados en RRHH recollerán os currículos o mércores, 25 de setembro, na feira de A Estrada, e o 29 de setembro, na feira de Arzúa. Ademais, o equipo estará tamén o venres, 27 de setembro, na actuación da orquestra París de Noia, que organiza a Asociación de Mineiros Touro O Pino, no campo da festa “Feira do Vinte” (Cebreiro), a partir das 20:00 horas.
Durante estes encontros, un equipo especializado na captación de talento ocuparase da atención ás persoas interesadas e da recollida de currículos. Asemade, o persoal da compañía ofrecerá información detallada sobre as oportunidades de emprego, que abarcan tanto perfís cualificados como non cualificados. Entre as áreas con vacantes destacan as operacións mineiras, a planta de tratamento de mineral, os laboratorios, a xestión ambiental, seguridade e saúde, e administración.