PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Cobre San Rafael busca cubrir 400 postos de traballo

PorBisbarra

Venres, 13 Setembro 2024 , , , ,

Cobre San Rafael, compañía que lidera o proxecto para a reactivación da produción de cobre na mina de Touro-O Pino, está envolta nunha ambiciosa campaña de recrutamento para cubrir 400 postos de traballo. Este esforzo responde á crecente demanda de persoal en preparación para a próxima reactivación da mina, que se espera que xere un impacto significativo na economía local.

Ao longo do mes de setembro, a compañía levará a cabo unha serie de xornadas de recollida de currículos en diversas localidades da rexión, incluídas as comarcas de Arzúa e Santiago de Compostela.

En relación ao emprego, Cobre San Rafael estruturou o seu plan de contratación en dúas fases diferenciadas. Na primeira fase, a compañía buscará incorporar 421 traballadores para desempeñar funcións nas operacións mineiras, na Planta de Tratamento de Mineral, na Planta de Tratamento de Auga, nos laboratorios, así como nos departamentos de administración, compras e almacén, medio ambiente, seguridade e saúde, e control de accesos. Na segunda fase, serán necesarios 394 traballadores, con menor énfase nas operacións mineiras e na Planta de Tratamento de Mineral. Ao longo dos anos de vida do proxecto, estímase a creación dun total de 1.600 empregos, tanto directos coma inducidos.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Como parte dos requisitos, o 20% dos empregados deberán ser técnicos titulados en áreas como administración e dirección de empresas, ciencias ambientais, ciencias económicas e empresariais, comunicación audiovisual, dereito, enfermaría, xeoloxía, enxeñería de minas, enxeñería electrónica, enxeñería industrial, enxeñería informática, enxeñería química, técnico en informática de xestión, técnico superior en PRL, e topografía. Mais a oferta de emprego abarca unha gran variedade de perfís o cal garante oportunidades tanto para traballadores cualificados como non cualificados, abarcando un amplo espectro de habilidades e experiencias.

Ademais, na súa execución, o Proxecto Cobre San Rafael contempla a implementación de programas de formación dirixidos aos traballadores, garantindo así a súa capacitación continua.

EMPREGO LOCAL

A intención principal da compañía é que a maior parte dos empregos xerados sexan desfrutados por persoas do entorno preto á mina, sempre que cumpran cos criterios e necesidades do Proxecto, e que as condicións ofrecidas estean aliñadas coas do mercado laboral. Este enfoque fundaméntase no carácter tradicionalmente mineiro da zona, o que supón que moitos veciños conten xa cun elevado nivel de experiencia e coñecementos do sector. Estímase que a reactivación da mina poida reducir o desemprego na zona nun 40-50%.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.