PUBLICIDADE

Nace CoRural, o gran grupo lácteo de Galicia

PorBisbarra

Xoves, 11 Decembro 2025 , , , , , ,
Os asinantes do acordo posan na Cidade da Cultura diante do pioneiro Mapa de Fontán, o primeiro realizado con criterios científicos modernos en España, un emblema do progreso ilustrado e da identidade de Galicia.

Clun e Leite Celta, dúas das principais empresas do sector lácteo en Galicia, alcanzaron un acordo para sumar recursos, colaborar e abordar de forma conxunta os retos do mercado. CoRural, Corporación Rural Láctea, será a nova entidade común resultante deste proxecto, cuxo modelo de negocio ten ao gandeiro no centro e está concibido para achegar estabilidade, eficiencia e futuro á primeira potencia produtora de leite de España e unhas das máis destacadas de Europa, todo iso suxeito á obtención da autorización preceptiva por parte das autoridades de Competencia.

En CoRural confluirán a base cooperativa de Clun e a solidez industrial e comercial de Leite Celta, conservando ambas a súa identidade. Esta suma de recursos prevese que se materializará nun operador con 1.400 produtores de leite, 800 persoas empregadas, 8 plantas industriais, un volume de negocio anual de 600 millóns de euros e marcas tan recoñecidas como Celta, Feiraco, Clesa, Únicla e La Vaquera.

A nova corporación permitirá garantir unha subministración estable dun alimento esencial como é o leite, incrementar a capacidade de recollida e transformación, diversificar produtos e ampliar a resposta industrial ante as demandas do consumidor e da distribución.

PUBLICIDADE

CoRural nacerá tamén para reforzar a sustentabilidade económica das ganderías, promovendo un modelo que pon o foco na estabilidade, a eficiencia e a capacidade de competir na maioría das categorías lácteas.

Este proxecto supón un paso máis na evolución de dúas traxectorias complementarias: por unha banda, a dunha cooperativa sólida e profundamente arraigada no medio rural, e por outro, a dunha empresa industrial que nos últimos anos realizou investimentos relevantes ao servizo do sector e da súa modernización. CoRural nace precisamente desa combinación: a vocación de servizo ao gandeiro e ao territorio que caracteriza a Clun, e a capacidade industrial, tecnolóxica e comercial de Leite Celta, que foi clave para ampliar categorías e mellorar a eficiencia e reforzar a competitividade do lácteo galego.

O novo grupo manterá intacto o propósito de ambas as entidades: mellorar a competitividade das ganderías, fortalecer e facer máis eficiente a cadea de valor e contribuír ao desenvolvemento económico e social do sector de leite, poñendo ao gandeiro no centro dun modelo que gaña escala, estabilidade e futuro.

Unha vez obtidas as autorizacións necesarias por parte das autoridades de competencia, José Ángel Blanco, presidente de CLUN, asumirá a presidencia, e Javier Bretón, actual director xeral de Leite Celta, e Juan Gallástegui, actual director xeral de Clun, asumirán as funcións de conselleiros delegados da nova entidade, cuxa sede social estaría prevista en Santiago de Compostela.

Juan Gallástegui: “CoRural dá resposta á demanda histórica do sector de crear un gran grupo lácteo en Galicia, e sempre sobre a base dunha cooperativa forte, do mesmo xeito que sucede nos grandes grupos lácteos europeos. Esta é unha oportunidade que o campo galego estaba esperando, dispoñer dunha industria moderna forte e referente”. Javier Bretón: “Xuntos, seremos máis grandes e eficientes. Queremos optimizar os procesos de produción e diversificar produtos. Estaremos mellor posicionados no mercado e en mellor situación para afrontar os cambios de ciclo no sector. CoRural é unha suma de forzas do campo e da industria para satisfacer a demanda dos nosos clientes e consumidores”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.