PUBLICIDADE

San Sadurniño lanza a campaña “Polo Nadal, consumo local”

San Sadurniño sorteará sete cestas valoradas en 70 euros entre as papeletas de gasto de menos de 10 euros e tres de 140 euros polas superiores a esta contía.San Sadurniño sorteará sete cestas valoradas en 70 euros entre as papeletas de gasto de menos de 10 euros e tres de 140 euros polas superiores a esta contía.

Facer gasto nos establecementos de San Sadurniño volverá ter premio durante estas festas do Nadal. Un ano máis, o Goberno local promove a campaña de apoio aos negocios municipais “Polo Nadal, consumo local”. Con esta proposta preténdese dinamizar o tecido comercial e hostaleiro, ademais de poñer en valor a calidade do servizo que nos ofrecen tendas, bares, restaurantes e outras actividades económicas que participan na campaña. Así pois, empezaranse a repartir entre hoxe e mañá os talonarios de rifas cos que se entrará no sorteo de dez cestas cargadas de produto galego.

“Polo Nadal, consumo local” desenvolverase entre o 12 de decembro e o 7 de xaneiro. Por cada compra ou consumición en calquera dos establecementos adheridos entregarase unha papeleta para entrar no sorteo dun total de dez lotes repletos de produtos de calidade, moitos deles de produción de proximidade.

Igual que en anteriores edicións, haberá rifas para gastos inferiores a 10 euros coas que se optará a unha das sete cestas valoradas en 70 euros. No tocante aos gastos superiores a 10 euros, obterase unha papeleta para participar no sorteo doutras tres cestas valoradas en 140 euros cada unha.

PUBLICIDADE

En todas as rifas que deberase poñer o nome e apelidos e un teléfono de contacto para que o Concello de San Sadurniño poida contactar coas persoas gañadoras. As papeletas poderanse depositar nas furnas situadas en todos os locais adheridos á iniciativa. O sorteo realizarase nun acto público o 12 de xaneiro.

O concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela Mecías, agarda que este ano a campaña “supere amplamente o resultado da edición do Nadal 2024, na que se repartiron máis de 20.000 papeletas“. O edil engade que “Polo Nadal, consumo local” é unha maneira de “apoiar os pequenos negocios que están máis preto de nós e de recoñecer o servizo tan bo e tan necesario que nos ofrecen todos os días, non só nestas festas”.

Varela destacou, ademais, que a campaña tamén serve para reivindicar “a calidade excepcional e o bo facer do agro desta zona e do ámbito do Xeoparque Cabo Ortegal”. Neste sentido, os artigos alimentarios que van nos lotes “son da comarca e algúns deles elaborados na Fusquenlla”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.