Seis mulleres denunciaron polo canal interno do partido socialista presunto acoso polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, tal e como informou a canle de televisión Cuatro no seu programa Código 10.
As mulleres, asesoras, concelleiras e traballadoras da administración provincial lucenses, denunciaron presuntas chamadas subidas de tono por parte do presidente, favores sexuais a cambio de postos de traballos ou supostos tocamentos.
Polo momento non están identificadas as denunciantes, tan só se amosan textos que din proceder da canle interna de denuncias, á que se poden mandar queixar anónimas.
Pola parte do PSdG apuntan non ter constancia das denuncias e agardase que nas vindeiras horas o partido socialista poida pronunciarse e achegar a súa postura. Nestes momentos non hai ningunha confirmación sobre a posibilidade de dimisión do presidente da Deputación, José Tomé.
LARA MÉNDEZ ANUNCIA UN PRONUNCIAMENTO CONTUNDENTE DO PSdeG
A viceportavoz segunda do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, comezou a intervención logo da Xunta de Portavoces do Parlamento sinalando que as informacións sobre presunto acoso sexual en Lugo “non só nos producen tristeza senón repugnancia” e anuncia un “pronunciamento contundente” por parte do PSdeG.
O BNG PIDE “APARTAR A TOMÉ DAS SÚAS FUNCIÓNS POLÍTICAS”
Dende o grupo do BNG na Deputación de Lugo manifestan o seu compromiso “absoluto contra a violencia machista” e piden “actuar de inmediato e apartar a José Tomé das súas funcións políticas e investigar as denuncias que se realizaron ata o último extremo, de non producirse a dimisión do presidente, o BNG abandonará o goberno da institución”,
O PP TRASLADA NUN COMUNICADO O SEU “MÁXIMO RESPECTO E APOIO ÁS PRESUNTAS VÍTIMAS”
Dende a formación popular lucense a través dun comunicado expresan o seu “máximo respecto a tódalas mulleres e, particularmente, ás presuntas vítimas que teñen denunciado estes feitos reprochables, tamén respecto á presunción de inocencia, manifesta o seu máximo estupor e preocupación ante estas graves acusacións e a súa firme condena ante este tipo de condutas inconcibibles”.
Esixen os populares a José Tomé “explicacións inmediatas, claras e transparentes, sobre os incidentes relacionados con casos de presunto acoso sexual a compañeiras de partido denunciadas a través das canles internas do PSOE”. Igualmente tamén “aos responsables do seu partido que, supostamente, eran coñecedoras das denuncias internas, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; e a secretaria de Organización do PSOE lucense, Pilar García Porto; dean tamén as explicacións sobre os feitos e a súa presunta inacción ante o coñecemento das denuncias por acoso sexual”.



