Máis de 200 escolares galegos de educación primaria, secundaria e Bacharelato visitaron este curso as instalacións da fábrica de Tejas Verea en Mesía (A Coruña) no marco das campañas formativas ‘EnTéllate’ e ‘Cerámica con futuro’.
Estas iniciativas teñen como obxectivo reforzar a conexión do alumnado co medio rural e mostrarlles as oportunidades profesionais que ofrece a industria cerámica galega na súa contorna. No caso de primaria, un total de 104 alumnos participaron na campaña ‘EnTéllate’, un programa promovido por Verea que pon en valor os recursos naturais do rural, como a arxila, e conciencia sobre a súa xestión sostible e responsable.
A campaña, que se pechou coa visita do CPI de Pontecarreira (Frades), contou tamén coa participación do CEIP Campomaior de Ordes e o CEIP de Curtis. Durante a xornada, os escolares percorreron as instalacións da fábrica, un centro automatizado e dotado da última tecnoloxía, referente do sector cerámico en España.
Alí puideron coñecer de primeira man o proceso completo de transformación da arxila nunha tella sostible e resistente, entendendo como a innovación tecnolóxica convive cun material natural ligado historicamente ao territorio.
PROGRAMA “ENTÉLLATE”
O programa naceu en 2018 cun obxectivo claro: que os máis pequenos poidan decatarse do valor da contorna que os rodea. A iniciativa reforza a súa conexión co medio rural desde unha tripla perspectiva: ambiental, histórica e social. As visitas muetran a evolución da industria cerámica galega, abordando contidos como a orixe e a extracción da arxila, a historia dos antigos tecervos ou
cabaqueiros galegos e a relevancia económica e social deste sector para o rural.
ORIENTACIÓN PROFESIONAL E FUTURO INDUSTRIAL
Xunto á vertente divulgativa dirixida a primaria, Tejas Verea desenvolveu tamén a iniciativa “Cerámica con futuro”, enfocada a estudantes de secundaria e Bacharelato. Durante este curso participaron 103 alumnos de 3º e 4º de ESO do CPI de Xanceda (Mesía), do IES Armando Cotarelo Valledor de Boimorto e alumnado de Bacharelato do IES Rego de Trabe de Culleredo.
O seu obxectivo é achegar a realidade industrial aos mozos nun momento clave de decisión académica e futuro profesional. A través da visita, os estudantes coñeceron perfís técnicos, procesos automatizados e oportunidades vinculadas á Formación Profesional e á industria manufactureira, sectores que demandan substitución xeracional e talento cualificado.



