A Carreira Pedestre de Amaía en Brión, que pecha mañá 2 de outubro as inscricións, contou con 309 atletas o ano pasado
A XLI Carreira Pedestre de Amaía, organizada polo Concello de Brión, a través da súa área de Deportes, xa conta con 180 deportistas inscritos, e agárdase que se superen as inscricións do ano pasado, que foron 309 atletas, no tempo que resta para a disputa da proba o sábado 5 outubro a partir das 16:30 horas na contorna do paque de Pedrouzos.
As inscricións nesta XLI edición da Carreira Pedestre de Amaía aínda se poden formalizar, ata mañá 2 de outubro ás 23:59 horas, na web www.carreirasgalegas.com, e como en edicións anteriores, as persoas adultas terán que abonar 5 euros, mentres que para os menores de 16 anos as inscricións son de balde.
A XLI Carreira Pedestre de Amaía forma parte das probas oficiais da Federación Galega de Atletismo (FGA) e é puntuable para a IX edición do Circuíto de Carreiras da Deputación Provincial da Coruña. Todos os inscritos terán un agasallo dunha camiseta conmemorativa, e haberá trofeos deseñados por Nano Urzueta, e premios en metálico para os tres primeiros, homes e mulleres, en cruzar a liña de meta na proba absoluta: 300, 250 e 150 euros, respectivamente.
Tamén se premiará, con trofeos e galardóns en metálico, aos tres primeiros clubs federados clasificados; aos tres primeiros, homes e mulleres, empadroados en Brión, así como aos máis rápidos nas 8 categorías nas que se disputa a Carreira Pedestre
A proba absoluta terá lugar sobre un circuíto duns 5.000 metros (98% asfalto e 2% terra) ao que se darán dúas voltas. Os circuítos das carreiras de menores terán lugar nas inmediacións campo de fútbol municipal de Brión. Ao finalizar a proba, todas as persoas participantes recibirán un avituallamento líquido na liña de meta.