O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, recibiu, en nome da Asociación Cultural da Festa da Filloa de Lestedo, o diploma de man do ministro de Industria e Turismo
A Festa da Filloa de Lestedo, no Concello de Boqueixón, xa conta co diploma que a acredita como Festa de Interese Turístico Nacional. O alcalde Ovidio Rodeiro foi o encargado, en representación da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, de recoller en Madrid, o pasado 27 de setembro, esta distinción. Un recoñecemento que concede o Ministerio de Industria e Turismo a aquelas celebracións cun alto valor cultural, de probada e arraigada tradición popular e cun marcado atractivo turístico.
O Teatro Real de Madrid foi o escenario da cerimonia de entrega dos diplomas, na que o alcalde de Boqueixón estivo acompañado polos respresentantes da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, Pascual Villaverde e Juan Corral, así como polo concelleiro de Turismo, José Luís Mareque, e polo representante de Turismo de Galicia, Iván Meléndez Medela.
“Hai que poñer en valor o traballo que leva facendo a veciñanza de Lestedo nestes últimos anos e que logran así un recoñecemento ao seu esforzo elaborando filloas durante máis de corenta anos”, asegurou Ovidio Rodeiro tras recibir o diploma de mans do ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu.
Agradecer tamén a colaboración intensa dos últimos anos da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Turismo, para lograr esta declaración de Festa de Interese Turístico Nacional”
A Festa da Filloa xunto a outras celebracións galegas
Os representantes da Festa da Filloa de Lestedo compartiron recoñecemento como festas de Interese Turístico Nacional xunto a outras sete celebracións, das cales unha era tamén galega, a Festa da Empanada de Bandeira, no Concello de Silleda; e con outras seis que recibiron o recoñecemento como festas de Interese Turístico Internacional e entras as que se atopaban a Festa da Lamprea de Arbo e o Arde Lucus.