O obxectivo destas axudas do Concello de Arzúa é o de incentivar a organización de actividades culturais e artísticas vencelladas ás parroquias
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa vén de anunciar a aprobación das bases reguladoras das axudas a entidades sen ánimo de lucro para a celebración das festas parroquiais que ascenden a 16.800 euros. O importe de cada subvención será de 800 euros por anualidade e parroquia.
A convocatoría está dirixida as entidades sen ánimo de lucro que estean debidamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións e Entidades do Concello de Arzúa. O extracto da convocatoria saíu publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) número 190 do 2 de outubro.
O obxectivo da convocatoria destas axudas é o de apoiar e incentivar a realización de actividades culturais e artísticas vencelladas á cultura popular e tradicional, sendo clave as festas parroquiais.
As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente a través da sede electrónica do Concello de Arzúa. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto dende o día 3 ata o 20 de outubro de 2024 ás 23:59 horas.
As bases da convocatoria, así como os formularios necesarios para as solicitudes destas axudas están tamén a disposición das persoas interesadas na páxina web municipal (www.arzua.gal) e na Oficina de Cultura e Deportes do Concello.