A 45ª Carreira Pedestre, con chegada na praza do Obradoiro e “pioneira en Galicia”, dará o pistoletazo de saída o vindeiro domingo 27 de outubro en Xoán XXIII
O vindeiro domingo 27 de outubro a compostelana avenida de Xoán XXIII acollerá a saída da 45ª Carreira Pedestre Popular de Santiago, que percorrerá as rúas da cidade e que está organizada polo diario El Correo Gallego, e conta co apoio da Federación Galega de Atletismo (FGA) e da Xunta de Galicia.
“Hai que destacar desta proba, nada o 22 e outubro do ano 1978, que foi, é e será o emblema do deporte popular en Galicia nunha das maiores contribucións a democratizar a actividade física para todos e para todas”, destacou José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte, durante a presentación desta proba con gran tradición na categoría escolar.
“Hai que parabenizar a todos os voluntarios que fan posible esta proba, e aos profesores dos colexios da cidade, da comarca e de Galicia que desenvolven a súa faceta de arietes da proba, convencendo e animando aos alumnos a participar”, dixo o director do rotativo, Xaime Leiro, depois de agradecer a colaboración das diferentes entidades e institucións, así como aos patrocinadores desta nova edición, a 45 xa, da Carreira Pedestre de Santiago.
O presidente da Federación Galega de Atletismo, o compostelán Iván Sanmartín, destacou da proba santiaguesa que “é a pioneira en Galicia das carreiras populares” e “que ano a ano segue a medrar, sendo cada vez máis grande”. Sanmartín fixo un chamamento aos composteláns para que, o último domingo de outubro, saían ás rúas para animar aos miles de corredores, nunha xornada na que Compostela converterase na capital do atletismo popular.
Lete Lasa tamén dedicou unhas palabras a Emilio Navaza, quen foi xefe de Deportes de El Correo Gallego, xornalista especializado no “Deporte Rey”, o atletismo, e que foi ideólogo e impulsor, conseguindo darlle vida no mes de outubro de 1978, a unha das “grandes probas e das mellores do circuíto nacional, e probablemente a máis bonita”, a Carreira Pedestre Popular de Santiago.