O Concello de Cedeira vén de licitar a subministración dunha miniescavadora e os seus implementos. Esta compra, centrada na prevención de incendios forestais, ten un orzamento de 60.521 euros. Desta cifra, 30.000 serán financiados a través dunha subvención da Consellería de Presidencia.
Así pois, trátase dunha das actuacións financiadas a través da incorporación de créditos procedentes de remanentes do ano pasado, aprobada polo pleno en setembro. Deste xeito, Cedeira conta con medios propios para realizar traballos de prevención de incendios forestais. Asemade, é de suma
importancia para un municipio cun 60% de superficie forestal. Ademais, conta cun destacado conxunto de montes de titularidade pública, gran parte deles con relieves especialmente escarpados, como os da Serra da Capelada.
O concurso aberto polo Concello de Cedeira vai resolver a subministración dunha miniescavadora tipo Komatsu PC24MR-J. Trátase dunha máquina moi versátil, cun consumo de combustible optimizado e capaz de moverse en espazos limitados. Levará cadeas de goma, para poder desplazarse sobre pavimentos sen dañalos, entre outros implementos que lle proporcionarán un alto rendemento.
O vehículo pasará a formar parte do parque móbil municipal e facilitará traballos como a apertura e mantemento de faixas de biomasa, limpeza de pistas, conservación de drenaxes, mantemento de accesos a puntos de auga…
A maiores, o Concello de Cedeira xa reforzara o seu equipamento nos últimos anos. Por unha banda, coa compra dun tractor con brazo rozador no ano 2021. Pola outra, cun camión con guindastre en 2025. Ambas operacións supuxeron un investimento de máis de 221.000 euros.



