O emblemático presentador do ‘Supermartes’, máis coñecido como Superpiñeiro, faleceu na madrugada de hoxe mércores en Santiago á idade de 68 anos
Galicia amenceu hoxe mércores cun gran pesar, despois de coñecer a nova do falecemento en Santiago, á idade de 68 anos, do emblemático presentador da Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Xosé Manuel Piñeiro (Allariz, 1957), máis coñecido como Superpiñeiro, polo programa que o fixo popular, o Supermartes e que presentou durante máis dunha década dende 1992 ata o ano 2005.
O Supermartes, xunto co Luar de Xosé Ramón Gayoso, foi un dos programas con máis sona durante os anos 90 e principios dos 2000. Un concurso no que Superpiñeiro, acompañado polo esqueleto Atilano, foi un referente e marcou a pauta do entretemento televisivo en Galicia. Un programa no que os concursantes tiñan que entregar as prendas que levaban postas no caso de non saber ou respostar mal ás preguntas do presentador.
O Superpermartes foi retirado da grella da CRTVG coa derrota nas eleccións do Partido Popular e a chegada do bipartito. Mais Superpiñeiro seguiu facendo columnas para a prensa e colaborando con programas como Galicia por Diante de Radio Galega.
De novo na súa faceta de presentador, e co regreso do Partido Popular á Casona do Hórreo, Piñeiro volveu a Televisión de Galicia co programa Bamboleo, un espazo de entretemento que levou a verbena á televisión. No ano 2018, Superpiñeiro tivo que deixar temporalmente o programa despois de que lle diagnosticaran un mieloma múltiple. Dez meses despois, reaparecía en Luar facendo unha das cousas que máis lle gustaba, cantar.
A partir da súa reaparición, as súas intervencións na televisión e na radio foron menguando. No ano 2020, a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao, máxima distinción da Comunidade Autónoma. E, na madrugada de hoxe, o mítico Súperpiñeiro falecía na súa casa de Santiago, deixando un fondo pesar en Galicia e en España, xerando multitude de mostras de condolencias como a do presidente galego, Alfonso Rueda que falou del como “unha persoa inolvidable”, ou a da líder da oposición Ana Pontón (BNG) que definiuno como “un referente” do entretemento televisivo.







