O Concello de Ferrol recibiu o pasado mércores do Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais de Galicia o recurso especial en materia de contratación interposto por unha das empresas licitadoras do servizo de limpeza de colexios públicos de educación infantil e primaria, edificios e instalacións municipais. A Xunta de Goberno local aprobou hoxe remitir o expediente ao Tribunal administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) e acordou a suspensión do procedemento en tanto non se dite resolución por dito tribunal.
Este contrato saíu a licitación en abril do 2024. Responde á necesidade de garantir o correcto mantemento en condicións de limpeza e hixiene integral dos centros, edificios e instalacións municipais. Para logralo, precísase a contratación dun servizo de limpeza que permita mantelos en perfecto estado para o seu uso, mantemento e normal desempeño da actividade. Neste senso, é necesario a súa contratación externa coa fin de optimizar, a través de empresas especializadas, a cobertura das necesidades municipais a este respecto.
O orzamento base de licitación do contrato polos dous anos de duración inicial ascende á cantidade de 3.809.525,52 euros. Máis en detalle, divídese en 1.904.762,76 euros para o primeiro ano e 1.904.762,76 euros ara o segundo. O contrato poderá prorrogarse outros dous anos máis.




