A xunta de Goberno local de Ferrol deu luz verde á contratación do servizo de limpeza de colexios públicos de ensino infantil e primario, edificios e instalacións municipais do Concello.
A oferta seleccionada para este servizo foi a da empresa CLN Incorpora SL, que prestará a tarefa durante as anualidades do 2025 e 2026, logo de contar co voto favorable de todos os vocais asistentes da mesa de contratación permanente. De acordo cos pregos, a firma acometerá os traballos polo importe de 1.686.141 euros por ano, cunha bolsa de horas anuais por limpador de 1.500 horas. Ademais adscríbense tres vehículos de etiqueta CERO ou ECO para a execución do contrato, que poderá prorrogarse por outros dous anos máis, sen que a duración total exceda os catro anos.
No ámbito medioambiental, a empresa deberá realizar unha recollida selectiva dos residuos, empregar produtos consumibles con etiqueta ecolóxica e promover a reciclaxe e uso de envases reutilizables e sostibles.
Os colexios obxecto do contrato son o CEIP Cruceiro de Canido, CEIP Esteiro, CEIP. Manuel Masdías, CEIP Pazos, CEI. Ponzos, CEIP Recimil, CEIP San Xoan de Filgueira, CEIP A Laxe-Valón, Santa María de Caranza, Isaac Peral e Juan de Lángara.
No tocante aos edificios e instalacións municipais, os pregos recollen unha vintena, na que se inclúe o pazo municipal, pavillóns, mercados, biblioteca, parque de bombeiros ou cuartel da Policía Local.