Os Concellos do Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz presentaron o I obradoiro “Ourense Metropolitano”. Os tres alcaldes e alcaldesa, Luís Menor, Manuel Pedro Fernández Moreiras e Marta Novoa Iglesias, respectivamente, acudiron á presentación.
O obradoiro contará con 24 membros. Neste sentido, catro persoas formarán o equipo directivo e 20 alumnos e alumnas se beneficiarán da formación. Esta estará dividida en dous módulos. Por unha banda, “Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes” e, pola outra, “Pavimentos e albanelaría e urbanismo”.
Segundo os rexedores dos tres concellos, o obxectivo fundamental é a formación para favorecer a empregabilidade do alumnado en dous ámbitos con ampla demanda laboral.
Así mesmo, as actuacións proxectadas nos tres municipios mellorarán o espazo dos mesmos e a calidade de vida da veciñanza. Neste senso, actuarase nas zonas verdes, mellorando, mantendo e favorecendo a creación de novas áreas. Asemade, actuarase no mobiliario urbano dos tres concellos, como bancos, marquesiñas ou cubrecontedores. A fin é dotalos de condicións de servizo mellores e cunha estética homoxénea e axeitada aos tempos actuais.
Esta formación para mellorar a inserción laboral do alumnado terá unha duración de nove meses.