O Concello de Ortigueira logrou reducir a porcentaxe de interinidade no persoal municipal, pasando do 66,12% en 2018 ao 5,6% en 2024. Este avance culmina con éxito o proceso de estabilización de persoal, cumprindo co prazo establecido polo Goberno central para finais deste ano.
En 2018, a interinidade chegaba á elevada cota do 66,12%, con 85 vacantes de praza fixa e 80 delas cubertas por persoal interino. No 2022, a porcentaxe mellorou, pero seguía sendo demasiado alta, no 60,8%. Non obstante, o Goberno local logrou completar o proceso de estabilización antes do prazo límite do 31 de decembro de 2024, deixando só sete prazas cubertas por interinos dun total de 125.
O alcalde ortigueirés, Valentín Calvín, destacou a importancia deste paso para o bo funcionamento da administración e para os dereitos laborais dos traballadores. “Cando asumimos a responsabilidade de gobernar, atopamos unha situación alarmante que levaba anos sen resolverse e con moi pouca marxe de manobra”, explicou o rexedor. Emporiso, abundou, “comprometémonos a priorizar esta cuestión e hoxe podemos dicir con orgullo que cumprimos; Ortigueira ten agora un cadro de persoal máis estable e preparado para responder ás necesidades da veciñanza”.
Así mesmo, o alcalde subliñou que este avance reforza a confianza na administración pública e mellora os servizos ofrecidos á cidadanía. Finalmente, o Goberno local reafirmou o seu compromiso de seguir traballando para consolidar un modelo de xestión baseado na eficacia e a estabilidade.