O Concello de Fene continúa cos labores de mantemento e control das árbores afectadas pola praga do picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus). Trátase dun insecto cuxas larvas perforan os troncos das palmeiras, provocando o seu deterioro e, en moitos casos, a súa morte. Nos últimos días procedeuse ao corte das copas das palmeiras situadas na zona de San Valentín. Neste sentido, previamente realizouse o mesmo noutros puntos do termo municipal, como a contorna do Grupo Escolar Concepción Arenal, en Chamoso.
A concelleira de Medio Ambiente, Maricarmen Martínez, explicou que “o picudo vermello é unha praga difícil de controlar, xa que as larvas perforan galerías de máis dun metro nos troncos, danando severamente as árbores e poñendo en perigo a súa viabilidade”. Nesta liña, Martínez destacou o traballo do persoal municipal, que está a realizar estas actuacións co obxectivo de mitigar o impacto da praga e evitar riscos para a seguridade da veciñanza.
O Concello de Fene continúa monitorizando as zonas máis afectadas e planificando accións futuras para controlar a praga. Ao mesmo tempo, estúdase a posibilidade de replantar especies máis resistentes neste tipo de espazos.
O picudo vermello, orixinario do sueste asiático, converteuse nos últimos anos nunha importante ameaza para as palmeiras situadas nos concellos galegos. A colaboración da veciñanza, informando de posibles casos de afectación, resulta esencial para que o Goberno local poida actuar con celeridade.