PUBLICIDADE

San Sadurniño oferta dous postos de emprego temporais dentro do PEL

PorBisbarra

Venres, 28 Febreiro 2025 ,
San Sadurniño contratará co PEL a un condutor co carné C e un peón especial.San Sadurniño contratará co PEL a un condutor co carné C e un peón especial.

O Concello de San Sadurniño contratará a dúas persoas para apoiar o departamento de Obras e Servizos grazas ao programa de integración laboral (PEL) da Deputación da Coruña.

Por unha banda, ofértase o posto dun condutor/a a tempo completo durante seis meses e medio. Encargarase de guiar o camión do lixo e a maquinaria agrícola municipal. Pola outra banda, un peón especial para desempeñar durante seis meses labores de recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria e control da rede de abastecemento de auga.

O proceso selectivo efectuarase por valoración dos méritos e das circunstancias socioeconómicas das persoas aspirantes. O prazo para presentar as instancias abranguerá dende o 3 ata o 10 de marzo. O rexistro da solicitude pode facerse presencialmente na casa consistorial, por correo postal ou a través da Sede Electrónica de San Sadurniño ou doutra Administración.

PUBLICIDADE

Os requisitos para optar a calquera das dúas prazas temporais son o de ter nacionalidade española, doutro país membro da UE ou ter permiso de residencia; ser maior de 16 anos sen exceder a idade de xubilación, non ter expedientes abertos ou sancións que impidan traballar para unha Administración pública, contar con aptitudes físicas e psíquicas para poder desempeñar as funcións de cada posto e estar en situación de desemprego con inscrición no SPEG como demandante.

Ademais, no caso do posto de condutor/a haberá que presentar copia do carné de conducir C, mentres que para o de peón abondará con ter o carné B e saber manexar a rozadora de fío.

A maiores, as persoas aspirantes tamén deberán atoparse nalgunha das seguintes situacións: ser muller, ter máis de 45 anos, ser persoa desempregada de longa duración, ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%, que no fogar non haxa ningunha persoa empregada ou que sexa monoparental/monomarental, ter dificultade para atopar traballo por razóns de idioma ou socioculturais, non ter fogar, ser vítima de violencia de xénero ou encontrarse en situación de drogodependencia.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.