O Concello de San Sadurniño contratará a dúas persoas para apoiar o departamento de Obras e Servizos grazas ao programa de integración laboral (PEL) da Deputación da Coruña.
Por unha banda, ofértase o posto dun condutor/a a tempo completo durante seis meses e medio. Encargarase de guiar o camión do lixo e a maquinaria agrícola municipal. Pola outra banda, un peón especial para desempeñar durante seis meses labores de recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria e control da rede de abastecemento de auga.
O proceso selectivo efectuarase por valoración dos méritos e das circunstancias socioeconómicas das persoas aspirantes. O prazo para presentar as instancias abranguerá dende o 3 ata o 10 de marzo. O rexistro da solicitude pode facerse presencialmente na casa consistorial, por correo postal ou a través da Sede Electrónica de San Sadurniño ou doutra Administración.
Os requisitos para optar a calquera das dúas prazas temporais son o de ter nacionalidade española, doutro país membro da UE ou ter permiso de residencia; ser maior de 16 anos sen exceder a idade de xubilación, non ter expedientes abertos ou sancións que impidan traballar para unha Administración pública, contar con aptitudes físicas e psíquicas para poder desempeñar as funcións de cada posto e estar en situación de desemprego con inscrición no SPEG como demandante.
Ademais, no caso do posto de condutor/a haberá que presentar copia do carné de conducir C, mentres que para o de peón abondará con ter o carné B e saber manexar a rozadora de fío.
A maiores, as persoas aspirantes tamén deberán atoparse nalgunha das seguintes situacións: ser muller, ter máis de 45 anos, ser persoa desempregada de longa duración, ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%, que no fogar non haxa ningunha persoa empregada ou que sexa monoparental/monomarental, ter dificultade para atopar traballo por razóns de idioma ou socioculturais, non ter fogar, ser vítima de violencia de xénero ou encontrarse en situación de drogodependencia.



