O Concello de Teo sae ao paso das acusacións feitas polos socialistas nos últimos días onde se lle recrimina que a institución “perdeu unha subvención para crear emprego na vila de 52.000 euros”.
O actual equipo de goberno explica que “ non se perdeu ningunha subvención da Deputación Provincial da Coruña, posto que neste ano 2025 non foi solicitada polo goberno municipal”. Engaden que “ as subvencións que se piden deben facerse atendendo ás necesidades de cada concello e tendo clara que a súa solicitude vai repercutir en beneficio para as arcas municipais e para os propios interesados nos postos”. Apuntan que “ a cuadrilla de obras, para a que se solicitaría a dita subvención, xa está composta por dez persoas para realizar as actuacións básicas do día a día. Non obstante, para cuestións máis técnicas ou obras de gran embergadura, o Concello subcontrata as obras por carecer do Plan de Prevención de Riscos, obrigatorio por Lei e que o actual Equipo de Goberno se encontrou sen a súa correspondente actualización, cuestión que estamos corrixindo”.
Dende o goberno teense explican que “a cuantía da subvención non cubre todos os gastos que xera a contratación de peóns, os cales deben pasar por un período de formación, realizar o pertinente curso de prevención de riscos laborais e só para un período de tres/catro meses. Neses gastos, non subvencionados, inclúese tamén a uniformidade deste persoal e o alugueiro de vehículos para o seu traslado. O Concello quere salientar que, atendendo aos criterios de prudencia e xestión económica, sempre analiza as subvencións que poden ser do seu interese”. No tocante á inclusión, destacan que “Teo ten moi presente este factor, exemplo disto é o novo contrato do lixo que está agora mesmo en licitación, o cal reserva un dos seus lotes a centros especiais de emprego de iniciativa social para fomentar a inclusión de persoas con risco de exclusión social”. Dende o concello indican que na última convocatoria tiveron que acudir a terceira convocatoria de candidatos para cubrir a mesma.
OS SOCIALISTAS CULPAN AO PP POR “PERDER UNHA SUBVENCIÓN DE 52.000 EUROS”
A voceira socialista local Mayte Argibay, que lamentou que “Teo fose un de só 2 concellos de toda a provincia que non solicitaron este ano a subvención PEL Concellos da Deputación”. “Agora, nin as persoas que tiñan ese contrato nin o conxunto da cidadanía poderá optar a eses postos de traballo, na situación económica na que estamos con necesidades de emprego do municipio”, sinala a socialista. “Ademais da perda de fondos e de postos de traballo, Teo perde tamén a oportunidade de mellorar servizos públicos, pois serían postos en mantemento de viais, limpeza ou conservación de parques e xardíns”, apunta.




