O Concello de Ferrol solicitou unha axuda por un importe de 8.899.194,12 euros para o Plan de Actuación Integrado (PAI) Cidade aberta ao mar. Esta conta cun orzamento de gasto de preto de 15 millóns de euros, no marco do desenvolvemento urbano sostible, con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no período de programación 2021-2027.
“Este PAI exponse como unha solución integrada e con alto grao de madurez para conseguir un impacto transformador, que se presenta baixo o contexto da Axenda Urbana de Ferrol, a través duns proxectos estratéxicos e transversais xa iniciados, e un compromiso sólido entre as administracións que participan como é o Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia”, revelou o concelleiro de Fondos Europeos, Javier Díaz Mosquera.
O proxecto de Abrir Ferrol ao mar recolle unha importante actuación mediante a rexeneración do espazo público para a posta en valor da área de contacto da cidade co mar. Inflúe nos barrios de Ferrol Vello, A Magdalena, Esteiro, Telleiras e Caranza, e por tanto da cidade no seu conxunto. “A través deste proxecto buscamos transformar a contorna física integrando os elementos naturais da cidade, como o mar e as zonas verdes, e poñendo no centro dos proxectos ás persoas, propiciando zonas peonís e carrís bici”, insistiu o concelleiro.
Este proxecto ten un marcado compoñente social, dixital e medio ambiental, seguindo os obxectivos estratéxicos da UE. Ademais, cúmprense con varios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). O de Saúde e Benestar, ao promover estilos de vida saudables, combatendo o sedentarismo e mellorando a saúde da cidadanía Así mesmo, o de Igualdade, ao ser un bo canalizador para promover o trato igualitario e fomentar a participación feminina. Finalmente, o de Redución das Desigualdades, ao fomentar en distintos barrios e sectores de Ferrol espazos públicos para uso común e sinerxías en temas de cohesión social e económico e Cidades sostibles.
O Ministerio de Facenda ten agora un máximo de seis meses para resolver esta solicitude. No caso de ser aprobada, o Concello de Ferrol tería ata o 31 de decembro do 2029 para a xustificación das actuacións recollidas no Plan de Actuación Integrado.