PUBLICIDADE

Gran parte da avenida das Pías estará aberta para a Semana Santa ferrolá

PorBisbarra

Venres, 28 Febreiro 2025 , ,
Reunión de coordinación e seguimento das obras de humanización da avenida das Pías FE-14.Reunión de coordinación e seguimento das obras de humanización da avenida das Pías FE-14.

A oficina da rúa Venezuela 1 acolleu unha reunión de coordinación e seguimento das obras de humanización da avenida das Pías FE-14. A ela asistiron o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; técnicos da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostenible, representantes da Xunta de Galicia, Navantia e as empresas adxudicatarias.

O obxectivo da reunión era consensuar a apertura secuencial das obras ao tránsito peonil e rodado, que se fará por treitos en dúas fases. Así, proximamente procederase á apertura ao tráfico peonil e vehicular da FE-14 desde o inicio da actuación en Porta Nova ata a nova glorieta na intersección coa estrada da Trinchera FE-11. Non obstante, permanecerán cerradas ao tráfico a avenida Marqués de Santa Cruz e a avenida Salvador Allende Gossens.

Na segunda fase, segundo avanzou a Subdelegación do Goberno, preténdese abrir antes de Semana Santa o eixo formado pola avenida Marqués de Santa Cruz e a avenida Salvador Allende Gossens, así como a nova glorieta executada na intersección de estas vías coa FE-14, prolongándose a apertura ao tráfico peonil e vehicular da FE-14 ata esta glorieta. Así, quedará pechado ao tráfico só o tramo final da FE-14, ata o enlace das Pías.

PUBLICIDADE

“Parécenos un paso moi necesario, xa que a Semana Santa é moi importante para a cidade e mantemos marcado o 11 de abril para a apertura ata Marqués de Santa Cruz de toda a infraestrutura”, finalizou o rexedor ferrolán.

Mapa de apertura das obras das Pías para antes de Semana Santa.
Mapa de apertura das obras das Pías para antes de Semana Santa.

CORRECCIÓN DE INCIDENCIAS NAS OBRAS DAS PÍAS

Tras o encontro, o alcalde ferrolán afirmou que “estas reunións serven para fomentar a participación das administracións e dos veciños”, xa que “é unha transformación moi importante para os barrios de Ultramar, Caranza, Esteiro, San Xoán Bertón”. Grazas a esta comisión, pódense analizar de xeito conxunto as incidencias detectadas e as trasladadas pola veciñanza.

Entre as incidencias falouse da situación da rúa Santa Comba e do edificio do Diapasón. “Quedamos en ter unha reunión técnica coa empresa municipal de augas e a dirección da obra para constatar que non se vai producir ningún tipo de inundación dos garaxes nin dos portais”, explicou o rexedor. Neste sentido, asegurou que hai un compromiso total por parte da dirección de obras, da Demarcación e da empresa municipal de aguas para abordar calquera modificación necesaria.

Outra das peticións que se tratou foi a relacionada coas prazas de aparcamento que non existían no proxecto orixinal. “Cremos que é fundamental en procesos de humanización facer compatible ter máis zonas verdes, máis espazos de peóns e máis prazas de aparcamento”, insistiu o alcalde.

As obras da avenida das Pías supón un investimento de 11 millóns de euros, financiado cos fondos europeos NextGenerationEU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O proxecto contempla actuar en case dous quilómetros da FE-14, buscando a integración urbana e fomentar a mobilidade activa e sostible. Na actualidade traballa nestas obras un equipo de 54 persoas e 12 unidades de maquinaria para rematalas o menor prazo posible.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.