A Xunta concedeu o pasado ano 292.618 euros en axudas a 103 particulares do ámbito da delegación territorial de Ferrol para actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas. A delegada territorial, Martina Aneiros, e a directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitaron nunha vivenda de Covas beneficiada cunha axuda para a substitución de ventás e portas.
Esta liña de axudas está destinada á mellora enerxética de vivendas de forma individual, tanto unifamiliares como inmobles residenciais colectivos. “Trátase de axudas apropiadas para a realización de obras de menor entidade, como o cambio da carpintería exterior”, explicou Aneiros. Así, o único requisito é obter unha redución da demanda enerxética de polo menos un 7% no caso de calefacción ou refrixeración. No caso do consumo de enerxía primaria non renovable, requírese unha redución de polo menos un 30%.
Durante a visita a delegada territorial lembrou que está aberta a convocatoria de 2025 e animou ás persoas físicas propietarias, arrendatarias ou usufrutuarias das vivendas ás que van dirixidas estas subvencións a solicitalas antes do 8 de xullo.
A convocatoria, de carácter plurianual, conta cun orzamento de preto de 2,2 millóns de euros. O importe a percibir será do 40% do custo subvencionable, a partir dun investimento de 1.000 euros e cun límite máximo de 3.000 euros por axuda.
Esta liña de subvencións que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) convoca por cuarto ano consecutivo está financiada con fondos europeos del programa Next Generation UE.




