Xa iniciaron os traballos do proxecto de rexeneración da praia da Madalena, no Concello de Cedeira. Trátase dunha actuación acometida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, por medio da Demarcación de Costas de Galicia, que suporá un investimento de máis de dous millóns de euros. O obxectivo é devolver á praia e o cordón de dunas as condicións naturais, que perdeu fai moitos anos como consecuencia das accións humanas e dos temporais.
Non obstante, moitas voces están a criticar as obras iniciadas, chegando incluso a crear unha plataforma cidadá, chamada SOS Praia da Madalena de Cedeira, e unha recollida de firmas para reclamar a paralización do proxecto, que xa supera as mil sinaturas. Así mesmo, hoxe está convocada unha protesta na entrada do areal.
O proxecto e a declaración de impacto ambiental foron sometidas a información pública, prazo durante o que só un veciño cedeirés presentou alegacións. Asemade, os grupos políticos municipais aprobaron por unanimidade as propostas. Neste sentido, o proxecto tivo moitos engadidos derivados das alegacións presentadas por distintos servizos das administracións públicas, como Mar, Medio Ambiente ou Patrimonio. Finalmente, foi aprobado por resolución da Dirección Xeral de Costas en febreiro de 2024.
ANOS DE DEGRADACIÓN NA PRAIA DA MADALENA
Os problemas da praia da Madalena remóntanse a décadas atrás. A acción humana, a dinámica erosiva da ría e os temporais provocaron un importante retroceso na liña de costa. Xa en 2001, mediante a achega de 150.000 m3 de area, intentouse recuperar a praia; sumando outra en 2009.
Tras os temporais de 2014, instalouse un valado de madeira sobre os taludes formados para tratar de reducir a erosión na duna, pero en anos posteriores este tamén se veu afectado polo efecto dos temporais e xerouse de novo unha duna inestable na súa zona superior. Asemade, as obras realizadas e a presenza de vexetación colonizadora leva anos impedindo o normal funcionamento do conxunto de dunas e praia, alterando o equilibro do ecosistema.
PROXECTO DE REXENERACIÓN NA PRAIA DA MADALENA
Tendo en conta a problemática dilatada, a Dirección Xeral de Costas deseñou unha proposta para dotar a liña de costa dunha configuración que aporte estabilidade e protección da zona urbana lindante.
En primeiro lugar, achegarase uns 55.000 m3 de area para controlar a regresión da liña de costa e protexer da área urbana, recuperando a función de defensa da praia, dotándoa dunha anchura que permita disipar de forma efectiva a forza das ondadas durante os temporais.
En segundo lugar, mellorarase a canalización das desembocaduras do río Condomiñas e do regato de Veiga. Para isto é necesaria a construción dun espigón curto de canalización na marxe esquerda da desembocadura do río Condomiñas,cunha lonxitude de 77 metros. Así mesmo, crearase outro espigón de madeira de 102 metros para o regato da Veiga.
En terceiro lugar, recuperarase o sistema de dunas desde o punto de vista estrutural e da vexetación. Isto requirirá eliminar previamente toda a materia vexetal e o chan xa formado, deixando só o substrato areoso inferior, libre de restos e de sementes.
Finalmente, crearanse dous novos accesos peonís á praia mediante a construción de pasarelas de madeira.
O Concello de Cedeira quere desmentir a “suposta destrución do sistema de dunas” sobre a que se está a xerar certa alarma social. Segundo inciden, as obras van permitir a recuperación da duna co obxectivo de devolverlle a configuración do ano 1956, tomando como referencia as praias do entorno que presentan dunas ben conservadas.
CRÍTICAS AO PROXECTO DE REXENERACIÓN DA PRAIA DA MADALENA
Pola súa banda, xunto ás críticas veciñais, súmanse as da oposición. O grupo municipal do Partido Popular emitiu un comunicado manifestando a preocupación polo xeito no que se está a levar a cabo o proxecto de rexeneración da praia. Neste sentido, aseguran que “nin o Concello nin a Demarcación de Costas trasladaron en ningún momento o proxecto completo nin as alegacións presentadas por parte dos partidos políticos, asociacións e particulares”.
Porén, o alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, lembra que se trata dunha obra longamente demandada e traballada dende o Goberno municipal de xeito participativo e transparente. Así mesmo, fai fincapé en que o PP votou a favor do estudo de impacto ambiental e do proxecto na sesión plenaria celebrada o 30 de setembro de 2021.