O concelleiro de Servizos de Ferrol, José Tomé, deu conta dos datos de reciclaxe no municipio no ano 2024. Así, segundo os residuos totais recollidos na planta de Sogama en Narón e Reciclaterra, “melloramos pouco a pouco a reciclaxe”, avanzou o edil.
No tocante ao papel-cartón, recolléronse 1.224.700 quilos, 65.620 máis que no 2023. Así mesmo, a recollida de envases aumentou en 970 quilos, cun total de 1.084.720 quilos. Tomé tamén sinalou que no piloto desenvolvido na recollida de materia orgánica no barrio de Canido recolléronse un total de 16.940 quilos.
Ademais, obsérvase certa tendencia descendente na produción de residuo sólido urbano (RSU), aínda que o ano pasado a produción aumentou un pouco con respecto ao anterior. Ascendeu apenas un 0,7%, pero cómpre sinalar que a poboación no ano 2024 aumentou case na mesma proporción; un 0,5%.
Segue a tendencia alcista da produción de aveños que, con respecto ao ano 2023, aumentou case un 15%. Finalmente, descende a recollida de vidro, que leva varios anos baixando. O ano pasado reduciuse un 4,6% con respecto ao anterior.




