PUBLICIDADE

O doutor Paz-Ares ingresa na Real Academia de Farmacia de Galicia

Acto celebrado en Santiago de Compostela

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou a achega exemplar do doutor Luis Paz-Ares á investigación oncolóxica clínica e traslacional, no acto de ingreso deste recoñecido oncólogo na Real Academia de Farmacia de Galicia.

Tal e como incidiu o conselleiro, a incorporación de Paz-Ares á Academia de Farmacia encarna á perfección os valores desta institución que son a excelencia investigadora e o firme compromiso co benestar das persoas.

Do novo académico, Gómez Caamaño subliñou que leva anos contribuíndo de xeito moi notable ao avance da oncoloxía moderna con importantes achegas ao desenvolvemento de fármacos innovadores e programas formativos, salientando tamén o seu papel docente.

PUBLICIDADE

Trátase, dixo Gómez Caamaño, dun profesional de referencia co que comparte, ademais, a paixón por unha disciplina que continúa a explorar sen descanso en beneficio dos pacientes, co propósito de ofrecer tratamentos cada vez máis personalizados, eficaces e humanos.

Segundo referiu o conselleiro, a oncoloxía é un ámbito onde a esperanza e o coñecemento camiñan da man, onde os avances científicos abren portas e onde cada paso debe darse pensando nas persoas que os necesitan.

Na súa intervención Gómez Caamaño tamén destacou a exemplar colaboración entre os colexios oficiais de farmacéuticos e a Consellería de Sanidade en iniciativas tan valiosas como a Rede de Farmacias Sentinela.

Rematou a súa intervención agradecendo ao doutor Paz-Ares a súa disposición a seguir compartindo coñecemento ao servizo da saúde e á Real Academia de Farmacia a súa estreita colaboración cos institucións públicas.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.