O claustro do antigo convento mercedario de Conxo, hoxe hospital psiquiátrico, foi escenario dun pleno simbólico no que o Concello de Santiago conmemorou a anexión do Concello de Conxo hai onte 100 anos.

O acto comezou na praza do Obradoiro, de onde partiu a corporación municipal e a veciñanza de Conxo, facendo o camiño inverso ao que fixo a última corporación conxense.

Previa parada na praza de Vigo, lugar de nacemento de Rosalía de Castro, fíxose unha lectura de poemas a cargo de alumnado do CEIP Quiroga Palacios e da poeta Rosalía Morlán, a comitiva chegou ao antigo convento. Alí tivo lugar un pleno simbólico que contou coas intervencións da alcaldesa; dos e das portavoces dos grupos municipais; de Juan Lema Rodicio, presidente da Real Academia das Ciencias e bisneto de José Lema Martínez, último alcalde de Conxo; de María Elena Barreiro Seijas, vocal da A.VV. A Xunlla de Laraño; e de José Luciano Villar, tesoureiro da A.VV. Conxo Aberto.
“Esta conmemoración do centenario da anexión ao Concello de Santiago permítenos ollar Conxo en todas as súas dimensións, celebrar a súa singularidade e poñer en valor todo o que achegou e achegará a Compostela”, subliñou Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago no pleno.
A alcaldesa fixo un repaso polos principais fitos históricos de Conxo: o nacemento de Rosalía de Castro no antigo Camiño Novo, o histórico Banquete Democrático de Conxo, a primeira viaxe en tren en Galicia que saíu desde a estación de Cornes, e a apertura do psiquiátrico que durante máis de seis décadas foi o único de todo o país. Tamén lembrou que “Conxo é barrio que reivindica e foi quen de pelexar durante o franquismo contra o urbanismo máis depredador de fins dos anos 60 que se cebaba nas propiedades máis humildes para entregalas aos especuladores. Desde a clandestinidade erguíase a unidade popular, un nacente asociacionismo veciñal mobilizado contra quen tentaba destruír o barrio. E conseguiron paralos e que non se apoderasen doutras zonas da cidade”.
Borja Verea, o portavoz do Partido Popular de Santiago, agradeceu a toda a xente de Conxo “a organización deste aniversario tan emocionante. O que realmente estamos celebrando hoxe é a historia dun éxito. Un éxito que tamén ten que ser e debe ser un exemplo. A historia dun exemplo. Hai un ano non decidimos unirnos, decidimos compartir. E compartir é o maior acto de xenerosidade que existe. A xenerosidade na vida, pero tamén na política, ten unha virtude única, ten o poder de transformar as vidas.”.
O que nese momento era o portavoz socialista santiagués, Gonzalo Muíños, falou da “memoria dunha historia compartida”, referíndose a Santiago como “unha cidade feita de varios. Foi unha portunidade de sumar e construír colectivamente, Conxo achegou a Santiago non só territorio senon tamén pobo, traballo e cultura”.
María Rozas, a portavoz de Compostela Aberta, fixo alusión nas súas palabras a “conmemorar esta data é moi importante, conservar e transmitir a memoria é fundamental para reconstruír a nosa identidade. Hoxe estamos a facer un exercizo de memoria histórica”.
Pola súa parte, Juan Lema, fixo referencia ao seu bisavó “republicano e masón”, José Lema Martínez, que promoveu a adhesión a Santiago “para integrar Conxo no proxecto máis amplo, máis próspero e con máis servizos”.
No nome da veciñanza de Laraño, Elena Barreiro, agradeceu “todo o traballo que implica levar a cabo esta conmemoración para que hoxe sexa un día inesquecible para todos os veciños de Conxo e de Laraño”.
Por último, José Luciano Villar, afirmou que “hoxe é un día para estar contentos e alegres” e para “convidarvos a que descubrades este mosteiro, un bosque que foi berce de liberdade e un río que foi poesía”.
A xornada rematou da man do Coro Crecente de Conxo e da Banda Municipal de Música.
