A Xunta vén de publicar a licitación das obras do novo centro de saúde de Boborás por importe de 1.951.250 millóns de euros. Neste sentido, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; a alcaldesa de Boborás, Ana Patricia Torres; e a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, mantiveron unha xuntanza de traballo.
No encontro, o titular de Sanidade apuntou que o novo centro de saúde permitirá ampliar en máis de 200 metros cadrados a superficie do actual inmoble. En concreto, a nova infraestrutura sanitaria acadará os 786 metros cadrados de superficie, posibilitando a ampliación dos seus servizos.
Así pois, disporá dunha consulta para a saúde da muller, unha consulta polivalente de urxencias e outra destinada aos pacientes respiratorios. Ademais o novo inmoble contará con dúas consultas de medicina, dúas consultas de enfermería e unha novas sala de xuntas.
O deseño elixido para o novo centro de saúde busca a mellor integración coa contorna en todos os seus aspectos, empregando materiais característicos da zona, como a pedra e a madeira.
Unha vez se formalice o contrato de obra, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de 16 meses para levar a cabo a súa construción. As empresas interesadas poden enviar as súas ofertas ata o 10 de xuño.




