A Demarcación de Costas de Galicia iniciou a adecuación de acceso á praia de Seselle pola zona dos Castros. O obxectivo é mellorar a entrada da veciñanza e visitantes a este areal, moi visitado no período estival. Esta intervención é fundamental para impulsar a súa accesibilidade. Segundo a previsión, a obra executarase nun prazo próximo ao mes.
Máis en detalle, demolerase a escaleira de formigón, actualmente en mal estado, e instalarase unha nova con formigón coloreado e varanda de madeira. Tamén se acondicionará o acceso peonil cunha nova senda de conglomerante hidráulico e árido, tamén delimitado por unha varanda.
A intervención parte dun orzamento de 61.278,20 euros, asumidos integramente por Costas de Galicia. Materialízase tras o proceso de diálogo aberto entre o municipio e a entidade supramunicipal, no que se dirimiron cuestións vencelladas á coordinación de esforzos para a mellora do litoral de Ares.
Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, contextualizou a actuación dentro da planificación municipal para impulsar a accesibilidade aos areais aresáns. Así, explicou que a intervención continúa o desenvolto anteriormente na contorna da praia do Xuncal, a baixada ao Raso ou o areal de Chanteiro, “con traballos centrados na mellora paulatina dos accesos e a posta en valor destes espazos naturais tan relevantes para a vila”.



