O Concello do Carballiño avanza un paso máis no proxecto de reforma e modernización da praza de abastos. O alcalde en funcións, José Castro-Gil, asinou un convenio de colaboración para a mellora do edificio co conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor. No acto tamén estivo presente a concelleira de Comercio, Diana González.
A cooperación institucional fará posible a intervención, que supón un investimento total de 1,4 millóns. Máis en detalle, a Xunta achegará o 70% do financiamento; a Deputación, o 20%; e o Concello asumirá o 10% restante.
“Estamos ante unha actuación clave para o desenvolvemento económico e comercial do Carballiño, xa que non só suporá a modernización completa da praza de abastos, senón unha mellor experiencia para a clientela e un impulso do seu atractivo turístico”, destacou o rexedor.
Pola súa parte, José González recordou a importancia da cooperación institucional. Neste caso permitirá “potenciar a actividade da praza e dinamizar a economía local”. Pola súa banda, Luís Menor puxo en valor as prazas de abastos como “puntos de encontro, símbolos da identidade das nosas vilas e auténticos motores económicos e sociais”.
A previsión é levar a cabo este ano as actuacións previas e adquisición dos materiais para executar as obras durante 2027. Tras as derrubas precisas e actuacións en fachada e cuberta, procederase cos traballos de albanelaría, carpintaría, vidraría, fontanería, electricidade, ventilación e climatización. Tamén se actuará en pavimentos e revestimentos, incidindo na accesibilidade, na protección contra incendios e na xestión dos residuos.



