Unha vintena de persoas formarase no obradoiro dual de emprego Terras do Ortegal II, na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. A formación teórico-práctica terá unha duración de 9 meses. Este obradoiro está financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cun investimento de 411.870 euros.
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu a benvida ao alumnado do obradoiro dual de emprego Terras do Ortegal II. Estivo acompañada dos alcaldes de Ortigueira, Valentín Calvín; Cariño, Ana López; Cerdido, Alberto Rey; e Mañón, Alfredo Dovale.
A delegada territorial destacou que iniciativas coma esta contribúen a reforzar a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais a prol do emprego. Así, lembrou que, ademais de formarse e realizar un traballo de interese público, o alumnado obterá un certificado de profesionalidade e a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito sociosanitario por un mínimo de tres meses, unha vez completen a formación.
Aneiros puxo en valor ademais a comuñón do itinerario formativo coas necesidades reais dunha contorna rural como é a do Ortegal, “cunha poboación moi dispersa e envellecida” e animou aos participantes a sacar o maior rédito do mesmo.
1,3 MILLÓNS DE EUROS PARA CATRO OBRADOIROS
Os obradoiros duais de emprego como o Terras do Ortegal II poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal.
Este é un dos catro que a Xunta financia este curso 2024-2025 en Ferrolterra, cun investimento de 1,3 millóns de euros. Deles beneficiaranse 65 persoas en situación de desemprego, priorizando as que teñen dificultades de inserción como poden ser emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero ou as persoas con diversidade funcional.